A denuncia da familia Franco contra as 19 de Meirás ascende ao Tribunal Supremo

Así o acordou o xulgado de instrución número nº2 de Betanzos nun auto, no que alude á condición de aforado do deputado polo BNG Néstor Rego. "Aínda considerando que este proceso xudicial é un sen sentido, estamos dispostas e dispostos a enfrontalo", aseguran nun comunicado as encausadas.
Comparecencia ante a prensa dos militantes do BNG acusados pola familia Franco.
photo_camera Comparecencia ante a prensa dos militantes do BNG acusados pola familia Franco.

As 19 galegas e galegos denunciados pola Fundación Francisco Franco e as familiares do ditador tras a acción simbólica realizada no Pazo de Meirás en 2018 será xulgadas polo Tribunal Supremo. Así o resolveu o Xulgado de Instrución nº2 de Betanzos, o que até agora instruía a causa.

No auto, o xulgado acordou a inhibición da causa a favor do Tribunal Supremo ao ter en conta o aforamento dun dos denunciados, o deputado polo BNG no Congreso Néstor Rego. As letradas alegaron a indivisibilidade da causa que impide que só Rego sexa xulgado polo Tribunal Supremo, pois a denuncia formulada atribúe de xeito conxunto a realización dos presuntos delitos a todas as imputadas.

"Non me parece que o feito de que a causa pase ao Supremo mude nada, en todo caso seguimos valorando que a causa é un despropósito en si mesma", valora o propio Néstor Rego por teléfono desde Madrid. "É o mundo ao revés, o ladrón exixindo que condenen a que piden que devolvan do roubado", engade Rego, "falamos ademais dunha acción simbólica que durou menos de tres horas e que se produciu nun día en que o pazo tiña que estar aberto ao público, foi pacífica e tiña como propósito a devolución do pazo ao pobo galego".

Nun comunicado, as 19 encausadas e encausados lembran que a denuncia procura “criminalizar o exercicio ao dereito democrático da liberdade de expresión”. “Un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel”, afirman.

Os Franco exixen 13 anos de cadea

A demanda presentada pola Fundación Franco e a familia do ditador acusa ás encausadas de presuntos delitos de odio, danos, vulneración da morada e contra o honor. “A failia Franco debera ser a que sentase nos tibunais e non persoas que representamos, penso, o sentir maioritario do pobo galego", retruca Néstor Rego, incidindo en que a devolución do Pazo de Meirás "é unha cuestión de dignidade democrática, de reparación ás vítimas do franquismo".

O 31 de xaneiro deste mesmo ano tivo lugar a vista previa ao comezo do xuízo na que ambas partes desbotaron chegar a un acordo. Agora será no Tribunal Supremo onde continuará a causa na que as demandantes esixen 13 anos de cadea e 500.000 euros de multa ás 19 galegas e galegos que se manifestaron no Pazo de Meirás.

“Os herdeiros dun ditador que co seu réxime trouxo ao noso País o terror de máis de 40 anos dunha cruel e asasina ditadura, están agora pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica” censuran as 19 de Meirás, asegurando que están “orgullosas e orgullosas do que fixemos”. A súa acción, salienta Rego, devolveu á axenda pública a restitución deste ben patrimonial. Unha loita, lembra o deputado nacionalista, con moitos anos de percorrido.

"A raíz disto elaborouse un informe sobre o ben expoliado, pronunciáronse activamente institucións coma o propio Parlamento da Galiza e mais a Deputación da Coruña", expón Néstor Rego. O propio Estado iniciu un recurso xudicial para exixir a devolución do Pazo de Meirás ao público.

"A partir de aí, confianza na xustiza española? Non teño moita, mais nós continuaremos e defenderemos unha acción que cremos xusta e necesaria", conclúe o deputado do BNG.

Comentarios