Sumar rexeita a posibilidade de ir canda o PSOE nas eleccións galegas: "Non hai nada"

O xornal catalán ‘La Vanguardia’ apunta a que ambos os dous partidos estudan concorren xuntos nas circunscicións de Lugo e Ourense.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o presidente español, Pedro Sánchez, no Senado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o presidente español, Pedro Sánchez, no Senado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, asegurou esta cuarta feira que non teñen ningún acordo co PSOE para concorrer xuntos ás próximas eleccións galegas, que decorrerán en 2024: "Non hai nada que teña que ver con esa coalición".

Lois sinalou que Sumar vai concorrer na Galiza con "un programa e unha axenda propia", convencidos de que serán unha forza decisiva de cambio para rematar con "os 14 anos de parálises do PP".

"Todo o mundo sabe que as forzas como o BNG ou o PSOE na Galiza non son de abondo. Necesítase un Sumar forte para ese cambio, para un Goberno progresista e aí vai estar", tanto na Galiza como en Euskadi, recalcou nunha entrevista en RNE. A portavoz no Congreso respondía así a raíz da nova publicada por La Vanguardia e que afirma que PSOE e Sumar estudan concorrer xuntos, nunha única lista, nas circunscricións de Lugo e Ourense.

A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, proclamou esta cuarta feira que Sumar ten "proxecto propio" en todo o país e rexeita categoricamente que haxa posibilidade de concorrer xunto ao PSOE nas próximas eleccións na Galiza. A líder de Sumar negou as informacións que apuntan a esa posibilidade ao asegurar que é "radicalmente falso" que a opción dunha lista conxunta co PSOE na Galiza estea sobre a mesa.

PSdeG

Tamén o PSdeG rexeitou que exista algún tipo de conversa formal con Sumar mais  ve "lóxico" o entendemento ante a "oportunidade de cambio". Así o sinalaron fontes do PSdeG ante a posibilidade de que o PSdeG e Sumar estuden un acordo de cara ás eleccións galegas.

En primeiro lugar, estas fontes subliñaron que o PSdeG será "totalmente soberano" na configuración de posíbeis acordos para as eleccións galegas tendo en conta que inciden en que é unha decisión que se debe tomar na Galiza. Dito isto, sosteñen que hai unha "oportunidade de cambio" ao redor da figura do seu candidato a Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro.

Podemos

O coordinador nacional de Podemos-Galicia, Borja San Ramón, tamén se pronunciou a respecto desta cuestión, no seu caso a través das redes sociais. "Vexo grupos de opinión con centro en Madrid prescribindo ás galegas como debemos ir ás eleccións. Hai quen cre que en provincias só servimos para os xogos da corte. Podemos-Galicia  decidirá aquí o seu futuro. Un Goberno de cambio non se acada coa esquerda sendo muleta do PSOE".

A data dos comicios aínda está por fixar, é potestade do presidente da Xunta da Galiza, mais tanto o BNG como o PSdeG dan por feito de que Alfonso Rueda convocará os comicios unha vez aprobe os Orzamentos para 2024, o que decorrerá nun pleno a mediados de decembro.

Nunha entrevista en Nós Diario publicada esta cuarta feira, o portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, afirma que "Sumar Galicia está aberta a todos aqueles actores progresistas, de esquerdas que recoñezan a plurinacionalidade do Estado. Nós levamos dous meses mantendo contactos con Esquerda Unida e Podemos e pensamos que o razoábel é dicir que están avanzando as negociacións, quizais máis lento do que quixeramos, pero están avanzando as negociacións.

Comentarios