18-F

Sumar culpa dos seus malos resultados na Galiza a falta de base organizativa

Sumar reuniu na tarde da quinta feira a súa dirección en Compostela para analizar os resultados obtidos nos comicios galegos do 18 de febreiro. A formación liderada por Yolanda Díaz valorou moi negativamente o proceso electoral, onde rematou como sexta forza, con menos do 2% dos apoios e sen representación parlamentaria. O voceiro da organización, Paulo Carlos López, apostou por ampliar a base organizativa e avanzar na implantación territorial.

Marta Lois anunciou esta quinta feira a súa volta á docencia tras os resultados electorais. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Marta Lois anunciou a súa volta á docencia tras os resultados electorais. (Foto: M. Dylan / Europa Press).

En declaracións aos medios de comunicación antes do comezo da xuntanza, a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois anunciou o retorno ao seu posto de traballo como profesora da Universidade de Santiago de Compostela e afirmou que "vou seguir estando no proxecto colectivo de Sumar Galicia remando colectivamente e, a partir de aí, iremos vendo cal será o meu papel a futuro". Recoñeceu, ademais, "uns malos resultados". Na mesma liña, Paulo Carlos López lamentou non ter conseguido os obxectivos marcados, ao non alcanzar representación no Parlamento da Galiza e non contribuír ao cambio político no país.

As declaracións do voceiro na Galiza de Sumar estiveron na liña do comunicado uns días antes a persoas afiliadas e colaboradoras nunha circular interna. Na mesma, López puña de manifesto que "non é o noso estilo pór panos quentes, nin botar balóns fóra. Fomos ás eleccións cunha idea clara que non soubemos converter en votos". A este respecto, aseguraba que "apréndese das vitorias e tamén das derrotas e iso é o que nos toca facer agora. Aínda nos falta moita Galiza, que segue fóra, lonxe, e imos seguir traballando por alcanzala".

A dirección de Sumar explica a falta de apoios electorais na Galiza pola súa debilidade organizativa. Nesta liña, a propia Yolanda Díaz asegurou esta quinta feira, interpelada polos medios sobre as causas dos malos resultados da súa formación nos comicios do domingo, que "precisamos máis organización". Na mesma dirección, López indicou que que o futuro da organización pasa por asentarse territorialmente.

Sumar márcase como obxectivo central dotarse dunha estrutura organizativa na Galiza. A este respecto, López comprometeuse coa afiliación a "seguir traballando co obxectivo" de avanzar na implantación territorial, coa intención de contar cunha "organización nacional sólida, de base cidadá, para afrontar mellor os retos futuros". Asemade, prometeu "un proxecto para Galiza" con "novos liderados", asociado ao proceso asembleario no que está inmersa a formación no conxunto do Estado.

Candidatura ás eleccións europeas

Os resultados electorais deixan a organización nunha situación moi complicada na Galiza e aceleran as tensións entre as diversas partes no conxunto do Estado. Así, a composición das candidaturas para as eleccións europeas tense convertido na nova fronte de disputa interna entre Sumar e os seus parceiros de Izquierda Unida, Catalunya en Comú e Compromís, ante as perspectivas electorais que sitúan a lista conxunta nun máximo de tres escanos.

Yolanda Díaz sae debilitada das eleccións galegas a menos de un mes para a primeira asemblea estatal da formación, que terá lugar en Madrid o vindeiro 23 de marzo. Malia que desde o círculo de confianza da ministra de Traballo e Economía Social tentan ligar os resultados á dinámica galega e desvincularse da orientación da campaña, outros sectores internos cuestionan a súa táctica e consideran un erro terse presentado aos comicios galegos. Nesta liña, o seu parceiro no País Valencià, Compromís, a través de Águeda Micó afirmou que Sumar acudiu "cedo" ás eleccións galegas mentres o seu socio nas Illes Balears, Mes per Mallorca, solicitou o voto para o BNG.

Preocupación polos comicios vascos

A foto final do proceso electoral galego evidencia a falta de base territorial do proxecto de Díaz. Ao tempo, fai saltar as alarmas de cara ás eleccións vascas do 21 de abril, onde as expectativas non son mellores e o punto de partida organizativo é semellante. Un novo fracaso de Sumar en Euskadi, botaría por terra a táctica definida pola dirección estatal de Sumar de aproveitar estes comicios e as vindeiras eleccións locais para dotarse de implantación territorial.

Comentarios