18-F

Sumar aposta por un sistema de coidados público e de proximidade

Lois e Bustinduy mantiveron un encontro con colectivos do sector dos coidados e dos dereitos sociais

Marta Lois e Pablo Bustinduy, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Lois e Pablo Bustinduy, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Sumar a presidir a Xunta da Galiza, Marta Lois, e o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, reuníronse esta cuarta feira con colectivos do sector dos coidados e dereitos sociais.

“Temos unha folla de servizos moi clara, que toda a cidadanía pode valorar polo que é. Desde a reforma do SMI ata a reforma laboral, a redución da xornada, a financiamento da dependencia, a ampliación dos permisos que acometeremos nesta lexislatura… Temos moi claro cal é o horizonte de sociedade que cara o que queremos camiñar. Con esa mensaxe de esperanza animo a todas galegas e galegos a que se mobilicen e a que voten por opcións de cambio para obter un cambio político neste país”, destacou o ministro.

Pola súa parte, Marta Lois destacou que, para levar a cabo as políticas ambiciosas e valentes no eido dos coidados, é “necesario” que Sumar entre no Parlamento galego, para así “negociar e dialogar para un acordo nesta materia”.

A candidata quixo tamén explicar as propostas de Sumar para facer dos coidados a “terceira pata do Estado de Benestar”, xunto coa sanidade e a educación. “Queremos deixar atrás os 14 anos de políticas de desleixo do PP, de privatización dos servizos de dependencia e construír un sistema público de coidados”, dixo Lois.

“Queremos un modelo sociocomunitario e apostar pola proximidade e polas microrresidencias, cun tope máximo de 45 prazas e que se poida ter en todo o noso territorio un servizo de atención e coidado ás persoas maiores, ás persoas enfermas, ás persoas de situación de necesidade ou de dependencia”.

No encontro, ao que chamaron “Sumar dereitos para todas”, participaron un total de 12 colectivos, entre eles Fegadace, Amicos, Fagamos, Plataforma SAF, Fademga-Plena Inclusión Galicia, EAPN ou Cogami.

Comentarios