Marta Lois ve "lamentábel" o debate da RTVE entre Pontón e Besteiro

A candidata de Sumar critica que non se vaian escoitar “os argumentos, as alternativas” de forzas, neste caso como Sumar Galicia, que vai ser “decisiva para ese cambio político”. A Xunta Electoral rexeitou os recursos de Sumar e Podemos pola súa exclusión do debate desta cuarta feira en TVE

 

La candidata se Sumar Galicia, Marta Lois, participa en un encuentroencuentro  junto con el ministro de derechos sociales, Pablo Bustinduy, en el centro sociocultural Maruxa y Coralia
photo_camera Marta Lois e Pablo Bustinduy (Foto: Europa Press)

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, cualificou de "lamentábel" o debate que TVE organiza esta cuarta feira coa presenza exclusiva de Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), e ao que non vai acudir Alfonso Rueda nin ningún representante do PP, que tachou de "escenificación baleira dunha conversación que non reflicte a realidade galega".

"Non é realmente un debate", sentenciou Lois, a preguntas dos medios en Compostela, onde mantivo un encontro con representantes do sector dos coidados e a dependencia acompañada do ministro de Dereitos Sociais do Executivo español, Pablo Bustinduy.

Para a de Sumar, a súa exclusión do debate -impugnada ante a Xunta Electoral Central, que deu a razón a TVE- provocará que "moitos galegos" non se sentan "identificados" cos discursos que se expoñan nunha cita na que tampouco estará o presidente galego e aspirante do PP, Alfonso Rueda.

"Resulta lamentábel que se poida levar a cabo un debate con unicamente dúas forzas políticas sen coñecer cales son os programas, os argumentos, as alternativas políticas de forzas, neste caso como Sumar Galicia, que vai ser decisiva para ese cambio político no noso país o 18 de febreiro", aseverou.

Así as cousas, reiterou que "un cara a cara entre dúas formacións políticas" como o que se verá esta cuarta feira en RTVE "non é realmente un debate" porque, segundo Lois, "o escenario para configurar gobernos de maioría neste país pola parte progresista depende de moitas máis forzas".

A Xunta Electoral Central (XEC) rexeitou os recursos presentados por Sumar e Podemos contra a exclusión das súas candidatas do debate electoral que organiza esta cuarta feira TVE e ao que, após declinar a súa participación o aspirante do PP, Alfonso Rueda; asistirán a nacionalista Ana Pontón e o socialista José Ramón Gómez Besteiro.

Tanto Sumar como Podemos impugnaran o plan de cobertura de Corporación Radio Televisión Española ante a xunta electoral galega, que desbotou o recurso, como tamén fixo co de Vox que demandaba que a súa candidatura fose considerada por diante das da coalición encabezada por Marta Lois e o partido morado ao entender que, ao presentarse por separado, non poden ser consideradas herdeiras da coalición que concorreu ás xerais de xullo.

Comentarios