23-X

Sumar promete 1.000 millóns de euros para dependencia na Galiza até 2027

A formación que lidera Yolanda Díaz céntrase en "actos pequenos de escoita" para falar á cidadanía "de ti a ti desde a rúa".
Acto de Verónica Martínez Barbeiro coas traballadoras do Servizo de Axuda no Hogar (SAF). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de Verónica Martínez Barbeiro coas traballadoras do Servizo de Axuda no Hogar (SAF). (Foto: Nós Diario)

A campaña electoral de Sumar Galicia arrincou esta quinta feira cun grande encontro na Coruña protagonizado pola súa candidata á Presidencia do Goberno español, Yolanda Díaz, e continúa nestes primeiros compases con actos sectoriais e de escoita e proximidade, o que levou a súa número un pola circunscrición de Pontevedra, Verónica Martínez Barbeiro, a Vigo este sábado para reunirse con traballadoras do servizo de axuda no fogar (SAF).

Xunto a elas, a inspectora de Traballo e ex directora xeral de Traballo do Ministerio que dirixe Díaz prometeu que o labor dun Goberno de Sumar pasará por mellorar as condicións laborais deste sector, para "coidar de quen nos coida", á vez que comprometeu un investimento na Galiza de 1.000 millóns de euros en dependencia para o período 2024-2027.

Acompañada pola número dous da lista, Verónica Hermida, e tamén pola candidata ao Senado Gloria Alonso, Martínez Barbeiro reivindicou a mensaxe de Yolanda Díaz de que "esta campaña vai das cousas pequenas", da "vida da xente". "Queremos escoitalas e coñecer as súas condicións de traballo", dixo, no referente ás traballadoras do SAF.

A candidata ao Congreso lembrou que nestes anos de lexislatura xa tiveron ocasión de reunirse con elas e que coñecen algunhas das súas dificultades, mais queren "seguir escoitando" as súas demandas, como as "dificultades que teñen para ter unha protección de riscos laborais, a carga excesiva de traballo e a infradeclaración das súas enfermidades profesionais".

Así, manifestou o "plan" que ten Sumar para este sector, un programa cuatrienal do sistema de consolidación de dependencia na Galiza, que xa "se iniciou" esta lexislatura cun investimento medido de mil millóns de euros ao ano. "Agora imos a por máis", salientou Verónica Martínez Barbeiro, quen se propuxo reducir as listas de espera e mellorar a calidade de atención de vida dos dependentes.

Ademais, como xa avanzara esta sexta feira con motivo do conflito do metal e ante a proposta de suspensión de folga por parte dos sindicatos, Barbeiro, que foi presidenta do Consello de Relacións Laborais da Galiza, volveuse pór ao dispor das partes involucradas como "mediadora" para axudar "na solución".

Acto con voluntarias

Paralelamente, a cabeza de lista de Sumar pola Coruña, a doutora en Ciencia Política e presidenta da formación, Marta Lois, aproveitou este sábado para reunirse con voluntarios e voluntarias do proxecto político que sustenta a candidatura de Yolanda Díaz á Presidencia. A campaña de Sumar, lembrou, pretende falar "de ti a ti" á cidadanía, con actos de rúa e sectoriais, e prevese que continúe con este tipo encontros, malia que tamén se agarda que Díaz volte á Galiza para protagonizar outro grande acto.

Comentarios