Da esquerda e o nacionalismo á secretaría de Organización do PP

Quen é realmente Miguel Tellado?

Alberto Núñez Feixoo vén de designar como xefe de máquinas do novo aparato do PP estatal a Miguel Tellado. O seu nomeamento non sorprendeu nos círculos populares galegos onde se daba por feito que acompañaría o presidente da Xunta na súa nova etapa madrileña. A súa elección para dirixir á area de Organización da formación non pasará desapercibida.

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado (Foto: Arxina)
photo_camera O secretario de Organización do PP, Miguel Tellado (Foto: Arxina)

A biografía política oficial de Miguel Tellado ten varias páxinas en branco. Consciente ou inconscientemente a mesma esquece toda súa traxectoria militante con anterioridade ao seu nomeamento en 2003 como xefe de prensa do Concello de Ferrol polo alcalde popular Juan Juncal.

Esquerda e nacionalismo

Os anos universitarios de Tellado están asociados á esquerda e o nacionalismo. Así, na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela fixo parte do Movemento Estudantil Universitario, unha organización xurdida dunha escisión dos Comités Abertos de Facultade (CAF) na década do 90 e impulsada e dirixida por algúns militantes do BNG.

O Movemento Estudantil Universitario (MEU) situábase na órbita ideolóxica do BNG, mais os seus militantes manifestábanse críticos co suposto control dos CAF por parte dos cadros xuvenís da UPG. Finalmente, a historia de MEU non se alongou máis duns poucos cursos.  

As persoas de MEU da Facultade de Políticas que coñeceron a Tellado naqueles anos, sinalan a Nós Diario que “non tiña ningunha militancia partidaria” porén definíase como “unha persoa de esquerdas e nacionalista” e “moi marcado pola tradición obreira ferrolán”.

Xaime Subiela e Miguel Tellado

Tellado e a práctica totalidade dos membros de MEU de Políticas tiñan naquela altura como un dos seus referentes a Xaime Subiela, nese momento militante do BNG e actualmente membro do núcleo duro de asesores de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo.

“Xaime Subiela era o auténtico líder do grupo”, comenta unha antiga militante de MEU, quen continúa sen explicarse “a evolución de Tellado, o último que agardaría del é que acabase no PP”.

O recen titulado en Políticas pola Universidade de Compostela aínda tardou uns anos en chegar ao PP. Retornado a Ferrol, traballou en Radio Fene, unha emisora municipal dun concello gobernado polo BNG, e no gratuíto O Comarcal, unha publicación impulsada por Manuel Torreiglesias.

Juan Juncal e Rey Varela

A partir de 2003 a súa historia xa está contada. Contratado polo PP polas súa boas relacións en Radio Ferrol da Cadea Ser, no concello entra en contacto con José Manuel Rey Varela, este si militante popular desde os seus días de estudante de Dereito en Compostela.

O patrocinio do concelleiro, alcalde de Ferrol, deputado e conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e do presidente da Deputación da Coruña e presidente do PP na circunscrición, Diego Calvo foi decisivo na súa traxectoria política posterior. Así, non tardou en recalar como xefe de gabinete da Consellaría de Traballo e Benestar na etapa de Beatriz Mato, ocupando ese mesmo cargo na alcaldía de Ferrol a partir de 2011 e saltando ao Parlamento da Galiza en 2012.

A carón de Beatriz Mato

Tellado iniciouse na administración galega en 2009 como xefe de gabinete da conselleira, Beatriz Mato. Mato, despois de pasar pola Consellaría de Política Social e de Medio Ambiente, rematou como executiva da empresa eléctrica Greenalia, aspirando a presidir a patronal eólica da Galiza.

Feixoo reparou nel no Parlamento da Galiza, a onde chegou en 2012. Del gustoulle, o ton duro das súas intervencións, o estilo implacábel coa oposición e a súa falta de complexos á hora de defender as posicións do partido, designándoo en 2014 portavoz do PP e en 2016 secretario xeral.

O nomeamento de Miguel Tellado como secretario xeral do Partido Popular da Galiza foi unha decisión unilateral de Alberto Núñez Feixoo. Segundo explicou naquela altura o presidente da Xunta da Galiza, a elección debeuse á necesidade de dispor dunha persoa dedicada a tempo completo á organización do partido e sen responsabilidades gobernamentais, após a experiencia do seu antecesor no cargo, Alfonso Rueda.

As razóns de Feixoo

Porén, as fontes populares consultadas por Nós Diario consideraron que na escolla de Tellado pesou o seu perfil de “duro”, a carencia dun poder territorial que puidese alterar os equilibrios internos e a necesidade dun nomeamento que non se puidese interpretar en chave sucesoria. 

Tellado arranca unha nova etapa política en Madrid. Os erros ou acertos da mesma aínda están por escribir, mais non lle queda un papel doado por diante. Nesta liña, agárdase que garanta o equilibrio entre os diferentes baróns que posibilitou a caída de Casado e o salto de Feixoo á presidencia.

O primeiro grande problema que debe enfrontar desde esta nova responsabilidade é a sucesión de Feixoo á fronte da Xunta da Galiza e das súas obrigas no PP galego. Mais neste caso, os tempos non nós marca Tellado senón os baróns territoriais dos populares galegos.

Comentarios