O Senado dá sete días a Feixoo para aclarar se percibe un "sobresoldo"

O presidente da Cámara alta, Ander Gil, concédelle até o 4 de xullo para actualizar a súa declaración de rendas após admitir que percibe un "plus" do PP.
O senador e presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, na Cámara alta. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
photo_camera O senador e presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, na Cámara alta. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)

O presidente do Senado, Ander Gil, remitiu esta terza feira unha carta ao líder do PP e membro da Cámara alta desde o pasado ano, Alberto Núñez Feixoo, na que lle outorga un prazo de sete días —até o vindeiro 4 de xullo— para actualizar a súa declaración de rendas logo de que o grupo socialista exixise coñecer se está a percibir algún "sobresoldo" como presidente do seu partido.

Nesta misiva, o presidente do Senado alude á Lei de réxime electoral, ao Regulamento da Cámara e un acordo das mesas do Congreso e o Senado para instar Feixoo a actualizar a súa declaración de rendas, tal e como solicitara perante unha iniciativa rexistrada esta segunda feira o PSOE.

Esta reivindicación dos socialistas xorde despois de que o líder da oposición asegurase hai uns días que recibe un "plus" por parte da súa formación. "Todas as persoas que estivemos no comité de dirección do partido e todas as que estamos no comité, e o presidente do comité de dirección, que é o presidente do partido, teñen un incremento dos seus salarios polo partido. Igual que o ten o PSOE. Ou polo menos tíñao", alegou, ante os micrófonos da Cadena SER.

Por iso, Ander Gil explica na súa carta que, de producirse nos últimos trinta días naturais unha modificación non declarada do escrito que presentou Feixoo cando se incorporou como senador hai xa un ano, ten que actualizar a súa declaración antes deste 4 de xullo.

Ao ser preguntado directamente polo seu salario como senador e como cabeza do partido, Feixoo non facilitou a cifra exacta. Tamén se mostrou a favor de que o financiamento dos partidos sexa de coñecemento público e asegurou, entre risos, que cando presente no Senado a súa nómina, que é unha obriga ao final da lexislatura, poderá amosar esa cantidade.

Con todo, nesta comunicación que realiza o presidente do Senado a Feixoo dáselle de marxe até o 4 de xullo para presentar unha actualización de declaración de rendas, lembrándolle as normas que fan referencia a este asunto.

Comentarios