Leiceaga quéixase de “falta de neutralidade”

As redes sociais causan unha lea no PSdeG

O Facebook oficial do PSdeG fíxose eco dunha mensaxe do precandidato a lideración a formación socialdemócrata Juan Díaz Villoslada. Un feito que molestou Xaquín Fernández Leiceaga, tamén precandidato a ocupar a Secretaría Xeral, e outros membros do partido, que mesmo piden a demisión da xestora.

[Imaxe: SG] Pedro Sánchez e Villoslada
photo_camera [Imaxe: SG] Pedro Sánchez e Villoslada

Unha mensaxe publicada no Facebook oficial do PSdeG na segunda feira, 14 de agosto, desatou unha guerra política no seo da formación política. A páxina da formación socialdemócrata facíase eco dunha mensaxe do precandidato Juan Díaz Villoslada, que afirmaba “temos que darlle unha sacudida de modernidade ao partido. Hoxe compartín novas ideas cos compañeiros e compañeiras de Carballo”. Unha mensaxe acompañada cos cancelos #ConVilloslada e #PrimariasPSdeG.

Leiceaga, tamén precandidato, non tardou en reaxir e en cualificou o feito de “moi grave”, ao considerar que a comisión xestora do PSdeG non foi neutral. Acusouna de usar as redes sociais do PSdeG “en favor un candidato”. De feito, o tamén portavoz parlamentar do PSdeG rexistrará esta quinta feira, 17 de agosto, un escrito en que pedirá “as necesarias explicacións” e “un informe detallado”.

“Alguén terá que asumir responsabilidades diante dun feito tan grave, porque individualmente poden apoiar quen queiran, pero utilizando as redes oficiais, non”, sinala o precandidato, que reclama “xogo limpo”. “Non estou disposto a ficar calado”, engadiu.

O PSdeG di que foi un "erro"

Unha vez tivo coñecemento da denuncia pública realizada por Leiceaga, o PSdeG pediu desculpas polo que considera un “erro”.  “Un erro que foi subsanado de inmediato e eliminado en canto fomos advertidos do mesmo”, afirma a formación política.

“Nin o equipo de redes do partido nin a súa dirección ordenaron esa publicación. O partido procedeu a eliminar tamén os administradores e claves que puidesen estar abertas de anteriores etapas para evitar novos erros no acceso a estas contas”, asegura. Se ben é certo que nas páxinas de Facebook fica rexistrado o nome da persoa usuaria que fai as publicacións.

Piden a demisión da xestora

O enfado de Leiceaga non quedou así. O ex edil do Concello de Lugo José Luís Díaz, que apoia a candidatura do outro aspirante a dirixir o PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu a demisión da xestora do PSdeG após a publicación da mensaxe de apoio a Villoslada.

Comentarios