Análise

As primarias do PSdeG continúan abertas

A campaña de primarias dos socialistas galegos achégase ao seu ecuador. A dúas semanas que a afiliación do PSdeG decida nas urnas o nome do seu próximo secretario xeral, todas as posibilidades continúan abertas.

1
photo_camera Valentín Formoso, á esquerda, e Gonzalo Caballero, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Formoso e Caballero están centrando estes primeiros actos da campaña de primarias nos territorios máis propicios. Así, o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes está peiteando a circunscrición da Coruña, onde é actualmente secretario do partido, visitando Lugo, onde conta co apoio dos fieis a José Ramón Gómez Besteiro e de boa parte dos alcaldes e deixándose caer en determinadas comarcas ourensás e pontevedresas. Non é casual a súa presenza en Ribadavia, localidade na que Noela Blanco se ten imposto aos próximos a Caballero na elección de delegados para o congreso ou en Gondomar, cuxo alcalde Francisco Ferreira está con Formoso desde o primeiro momento, ou noutras localidades do Baixo Miño. Precisamente Formoso, ten presentado nesta cuarta feira 408 avais, o máximo permitido polo regulamento interno do proceso.

Os encontros organizados polo grupo de Gonzalo Caballero responden en boa medida a mesma lóxica. Neste sentido, explícase a súa activa presenza na circunscrición de Pontevedra, onde a posición final do aparato provincial ligado ao alcalde de Vigo, Abel Caballero segue a ser unha incógnita, malia ter feito pública a súa decisión de desmarcarse do proceso.

Outro tanto, acontece en Ourense, coa dirección da formación a carón de Caballero, sendo menores os seus apoios en Lugo e na Coruña.

Así, nas comarcas luguesas ten do seu lado a algúns alcaldes como José Luís Raposo de Pedrafita ou Elba Veleiro de Vilalba, dispondo nas comarcas coruñesas da colaboración dalgúns dirixentes como a secretaria xeral de Ferrol, Beatriz Sestayo, enfrontada ao alcalde, Angel Mato ou do rexedor de Cedeira, Pablo Moreda.

Unha situación diferente a 2017

A situación de partida é diferente ao do anterior proceso de primarias. Se ben é certo que os feudos territoriais de Caballero e Formoso gardan similitudes coas zonas de apoio a Caballero e Villoslada en 2017, a realidade política e orgánica é distinta.

A este respecto, compre lembrar que a vitoria de Caballero fronte a Villoslada foi resultado dos apoios achegados polo grupo que na primeira volta das primarias apoiou a Xaquín Fernández Leiceaga. Precisamente, o groso das persoas que conformaron ese sector, entre eles a alcaldesa coruñesa Ines Rei ou o secretario de organización do PSdeG na Coruña, José Manuel Lage son hoxe pezas chaves na candidatura de  Formoso.

O contexto político actual non ten nada haber co de 2017. Se naquela altura Gonzalo Caballero era coñecido, esencialmente, na Galiza pola súa posición crítica co aparato do partido, actualmente preséntase como secretario xeral en funcións e coa pexa dos resultados obtidos nos últimos comicios galegos, onde o PSdeG é superado polo BNG e remata por converterse na terceira forza da Cámara.

Por outra banda, Valentín Formoso é un candidato moito máis forte que Villoslada, sumando a súa experiencia de xestión, unha recoñecida traxectoria orgánica e unha carreira política chea de éxitos electorais. Porén, o proceso continúa aberto e ninguén nas filas socialistas se atreve a facer quinielas sobre o vencedor das primarias do 30 de outubro.

Comentarios