Debate do Estado de Política Xeral

Sánchez responde a Rego que cumpriu 21 dos 40 compromisos aos que chegara co BNG

O presidente do Executivo estatal reivindicou o "compromiso" do seu Goberno con "todos os territorios, entre eles a Galiza".
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, respondeu nesta segunda xornada do debate do Estado de Política xeral ao deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen interveu a primeira hora da mañá desde a tribuna da Cámara baixa.

Na súa intervención, Sánchez detallou que, dos 40 compromisos que o Executivo estatal acordou co Bloque para conseguir o seu voto a favor na sesión de investidura, cumpríronse 21.

Entre estes acordos cumpridos, o presidente español destacou a "gratuidade do tramo Vigo-Redondela da AP-9" e a "aprobación dun estatuto do consumidor electrointensivo".

Ante a acusación de Rego da falta de execución de recursos na Galiza, o dirixente socialista asegurou que o seu Goberno deu "27% máis" á Galiza que o Goberno de Mariano Raxoi.

Recursos e transferencias

Segundo Sánchez, os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2022 outorgan ao noso país 1.074,7 millóns de euros. "Non quero aburrilo con datos, mais penso que se algo demostran é o compromiso do Goberno do Estado español con todos os territorios, e tamén a Galiza", engadiu.

O presidente español afirmou que a cantidade asignada á Galiza nos OXE é "un importe superior á porcentaxe sobre o PIB estatal que representa" o país.

En materia de transferencias, o dirixente socialista asegurou que o Goberno prevé transferir 54,9 millóns de euros para a bonificación da peaxe da AP-9 Ferrol-Fronteira de Portugal; 8,7 millóns á supresión de peaxes O Morrazo-Vigo e A Coruña-A Barcala; 4,5 millóns para o Consorcio de Santiago; 9,3 millóns para o pago das primas de seguros agrarios; e 20,2 millóns de euros destinados ao plan estatal de vivenda na Galiza.

Soberanía europea

Por outra parte, o xefe do Executivo lamentou que "nas análises e valoracións" de Néstor Rego non estea presente "a soberanía europea".

"Vostede fala, por exemplo de pór un tope ao prezo do gas e do petróleo, e esquece que existe unha directiva europea, que o Goberno español estivo a loitar por conseguir ese tope para o prezo do gas", detallou Sánchez.

Comentarios