Análise

A UE lamina os pobos de Europa

A xornalista Paula Castro prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Nas eleccións de 2019, BNG, Bildu, Esquerra, Ahora Canarias, Andecha Astur e Puyalón de Cuchas concorreron en coalición. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Nas eleccións de 2019, BNG, Bildu, Esquerra, Ahora Canarias, Andecha Astur e Puyalón de Cuchas concorreron en coalición. (Ilustración: Álex Rozados)

O pasado 2 de maio o Parlamento Europeo aprobaba, por 323 votos a favor, 262 en contra e 48 abstencións, o informe de iniciativa lexislativa para reformar o sistema electoral europeo, que foi presentado e defendido polo europedutado do PSOE Doménech Ruiz Devesa. O novo modelo contempla a elección dos deputados e deputadas por sufraxio universal directo, tomando toda a UE como circunscrición; que as eleccións pasen a celebrarse o 9 de maio, Día de Europa, e que se poida votar a partir dos 16 anos, entre outras cuestións.

Para iso contémplase harmonizar as normas electorais de forma que "os cidadáns europeos teñan dereito a votar a distintos partidos a escala da Unión con candidatos procedentes de varios Estados membros, e que, durante un período de transición suficiente, aínda poidan votar partidos tanto nacionais como transnacionais".

Para as eleccións de 2024 votaríase con dúas papeletas, unha para candidaturas dos estados e outra para candidaturas europeas. Porén, tal e como se recolle no informe, esta modalidade sería transitoria, coa vista posta en culminar o proceso "transformando as eleccións europeas nunha única elección europea", co establecemento "dunha circunscrición electoral que abranga toda a Unión, en lugar da suma de vinte e sete eleccións nacionais distintas".

Na lexislación española non hai exencións para os partidos políticos ou agrupacións de electores que representen minorías nacionais ou lingüísticas recoñecidas

A xustificación para esta reforma é facer efectivo o artigo 14 do Tratado de Lisboa para que o Parlamento estea composto "por representantes dos cidadáns da Unión, non dos pobos dos Estados membros".

Exclusión das minorías e dos pobos

O texto incide en que "se deben contemplar os principios de proporcionalidade e igualdade de oportunidades no que respecta ás minorías, que están infrarrepresentadas no Parlamento Europeo". Isto tradúcese, curiosamente, no establecemento, no artigo 13 do Regulamento electoral proposto, dun mínimo do 5% dos votos válidos emitidos para a atribución de escanos. Mínimo que sería do 3,5% naquelas circunscricións que atinxan máis de sesenta escanos.

O Regulamento prevé que non se terán en conta estes límites de existiren exencións nas lexislacións dos estados para os partidos políticos ou agrupacións de electores que representen minorías nacionais ou lingüísticas recoñecidas. Exencións que no caso do Estado español non existen.

Os límites desaparecen tamén caso de tratarse de candidaturas rexistradas nunha cuarta parte dos Estados membros que obteñan, cando menos, un millón de votos en toda a Unión e que inclúan na súa papeleta "nacional" só o nome e o logotipo da entidade electoral europea na que concorren, ou para a atribución de escanos na circunscrición da UE.

A reforma, de se facer efectiva, porque o Consello, que ten que aprobala por unanimidade, pode modificala e ao regresar ao Parlamento este debe aprobala novamente por maioría, reduciría de vez a diversidade e pon aínda máis en cuestión a xa escasa democracia da UE. Obrigaría ademais a diluír a representación dos pobos en coalicións electorais para garantir representación e dificultaría ás minorías chegar á institución.

A reforma reduciría de vez a diversidade e pon aínda máis en cuestión a xa escasa democracia da UE

Iso sábeno ben os grupos políticos "proeuropeos" que apoiaron a proposta. Tal é así que o representante dos Verdes alemáns, que saíu a manifestar o apoio do seu grupo, cuestionou o 3,5% como límite para Alemaña considerando que "5 millóns de votos" poderían quedar sen representación por non superar esa porcentaxe. Consideración malia a que se sumaron ao proxecto para "dar voz á cidadanía europea".

No caso do Estado español, nas eleccións europeas de 2019, BNG, Bildu, Esquerra, Ahora Canarias, Andecha Astur e Puyalón de Cuchas concorreron en coalición baixo o nome "Agora Repúblicas", que obtivo un 5,58% dos votos e 3 escanos. Porcentaxe que daría para obter representación atendendo aos novos límites que se pretenden introducir pero que obrigaría a todas estas formacións a reeditar a fórmula para acceder ao Parlamento europeo.

Non tería a mesma sorte a coalición na que concorreu o PNV, que obtivo daquela un único escano, co 2,82% dos votos.

Semellan obvias as razóns do PSOE e do PP para apoiar esta reforma que saben que dificultaría enormemente aos pobos verse representados nesta institución, pero que deixaría un maior número de escanos para repartir entre eles. Sobre todo se foran en candidaturas paneuropeas, que non perden nin un só voto, aínda que representaran o 1% nun estado membro, mentres que un pobo que dera o seu apoio masivo a unha candidatura propia, sen chegar a conseguir o 3,5% necesario, quedaría sen representación algunha.

A reforma afonda, pois, na uniformización, so pretexto de crear unha única cidadanía europea; dá máis representación e, polo tanto poder, aos grandes grupos que din defender os intereses de Europa e non os dos pobos que a compoñen e elimina, de vez, os e as molestas deputadas que cuestionan, cada día, as políticas neoliberais que emanan desas institucións atendendo aos intereses dos lobbys e non os da cidadanía para a que din gobernar.

Comentarios