Debate do Estado de Política xeral

Rego carga contra a "desatención" do Goberno estatal á Galiza

O deputado nacionalista criticou que as medidas anunciadas polo Executivo estatal sexan de carácter conxuntural e temporal, e non "estruturais e permanentes".
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interveu esta cuarta feira na tribuna da Cámara baixa para valorar as medidas anunciadas polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, na primeira xornada do debate do Estado de Política xeral.

O representante da formación nacionalista en Madrid comezou a súa intervención precisando que "chaman a este debate do Estado da Nación. A miña nación é a Galiza, e seguiremos a traballar para que máis cedo que tarde o estado da nosa nación non se decida aquí, senón que o poidamos decidir os propios galegos e galegas".

Neste sentido, Rego volveu lamentar que "a Galiza estivo ausente da intervención" de Sánchez no día de onte, "a pesar de que hoxe soubemos que temos 11,1% de inflación" e "pese á crise industrial que padecemos".

"Esa ausencia semella estar en consonancia coa desatención do seu Goberno cos problemas do noso país, como se ve en orzamentos inxustamente baixos, con 67% de execución en 2021, ou o desinterese por cumprir a totalidade dos acordos de investidura, especialmente en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios", engadiu.

Medidas anunciadas

Rego subliñou que, se ben unha das "medidas estrela" anunciadas polo presidente do Executivo estatal foi a bonificación de 100% dos abonos ferroviarios de proximidade e media distancia, "0 galegos e galegas van beneficiarse no caso do tren de proximidade, porque na Galiza non existe ese servizo".

O deputado do BNG afirmou que, no caso da media distancia en concreto, e no resto das medidas anunciadas en xeral, deben ser permanentes e "non só estenderse até o 31 de decembro".

"Está ben que a presión social os levase a adoptar medidas que o Bloque leva tempo anunciando, como impostos ás eléctricas e á banca", afirmou Rego, para despois matizar que "vostedes (o Goberno español) seguen a falar de impostos temporais e sobre os beneficios extraordinarios. E nós preguntámonos, que entenden vostedes por extraordinarios?".

Segundo o deputado, os precedentes "non ofrecen moita confianza porque a súa credibilidade nesta materia está claramente en interdito".

A Galiza, prioritaria

"Adoptan novamente medidas conxunturais no canto de estruturais", lamentou Rego, quen afirmou que o BNG seguirá a manter unha postura crítica co actual Goberno, porque, se ben "non propiciaremos o auxe da dereita e a extrema dereita, é a nosa obriga denunciar os incumprimentos do PSOE e de Unidas Podemos", xa que "a nosa prioridade é a Galiza e as clases populares galegas".

"O BNG reclámalle que cumpra coa Galiza", asegurou o nacionalista galego, para despois enumerar algúns deses compromisos: "proxectos para reverter a grave crise industrial, garantir a produción en sectores como a pesca ou a gandaría, recuperar as demoras en infraestruturas e servizos ferroviarios, rescatar a AP-9, dar unha solución á A-6, retorno da poboación migrada, frear o 'boom' eólico ou respecto da lingua galega" entre outras.

Finalmente, o deputado popular mostrouse moi crítico coas últimas medidas adoptadas polo Goberno español, e expuxo a Pedro Sánchez que "adoptando medidas da dereita non se vai gañar á dereita. Nós imos gañar ao PP na Galiza, e se vostedes queren facer o mesmo con Feixoo, impoña un xiro a favor das maiorías sociais, as clases populares e os pobos".

Comentarios