Sánchez dá por feito un cambio político na Galiza para 2024

Valentín Formoso, Inés Rey, Pedro Sánchez e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario).

Compostela acolleu este sábado a conferencia política do PSdeG, onde participou Pedro Sánchez. O presidente do Goberno  do Estado deu por feito un cambio político na Galiza para os vindeiros comicios de 2024

Pedro Sánchez amosouse convencido dun cambio político na Galiza. Na súa intervención no acto de apertura da conferencia política do socialistas asegurou que 2024 “vai ser o ano do cambio na Galiza” da man.

Sánchez sinalou que o próximo ano “haberá cambio, teremos novo presidente” na Xunta da Galiza que permitirá a coordinación co Goberno español para “facer avanzar Galiza”.

O presidente do Executivo estatal significou que a súa formación representa á “Galiza que avanza con ganas” e que “non se resigna, non quere máis prórrogas nin máis momentos de parálise, de resignación e de falla de compromiso social”.

O mandatario español aproveitou a súa presenza no acto político dos socialistas galegos para pór en valor o labor do seu Goberno. Neste sentido, expresou o seu compromiso coa  chegada do AVE da Galicia e coa mellora da rede de distribución da enerxía eléctrica.

Gómez Besteiro

O candidato socialista a Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, que precedeu na súa intervención a Sánchez, afirmou que “chegou o momento de que a dereita perda para que Galiza gañe, e non me conformo só con gobernar: quero gañar”.

Gómez Besteiro asegurou que a conferencia política “é unha mensaxe alta e clara do socialismo galego ao noso país: estamos listos e preparados para gañar as vindeiras eleccións”. Neste punto, explicou que “chegou o momento de camiñar nós e darlle a Galiza o impulso que merece”.

O responsábel do PSdeG afirmou que “xa estamos aquí! Vaia se estamos aquí, porque Galiza precisa de nós, das e dos socialistas (...) estamos hoxe aquí, porque non asumimos a apatía como forma de goberno e a inercia coma folla de ruta”.