Besteiro acusa a Xunta de "perder unha década" en vivenda pública

O candidato promete apoio aos pisos de protección
Besteiro-Santiago-151223-1200x675 (1)
photo_camera Besteiro visitou o barrio compostelán do Castiñeiriño.

O deputado socialista no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, acusou o Goberno de Alfonso Rueda de ter perdida máis dunha década na construción de vivenda de promoción pública.

Besteiro visitou o barrio do Castiñeiriño en Compostela, onde "levan catro anos para facer 24 vivendas e onde hoxe hai máis carteis da Xunta que pisos". O deputado situou este barrio como símbolo das "nulas políticas" de vivenda que aplica o PP e destacou que na capital galega non se construíu unha soa vivenda de promoción pública en 14 anos.

Unha situación que asegurou que é similar ao resto das cidades e localidades galegas, e que contrapuxo coa etapa do socialista Emilio Pérez Touriño á fronte da Xunta que "en dous anos fixo máis vivendas de promoción pública que os Gobernos de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda xuntos".

Besteiro lembrou que "a Galiza ten o maior parque de vivendas baleiras de España (30% están desocupadas, máis de medio millón), "e ao tempo son miles de galegos e galegas os que reclaman un lugar no que poder vivir dignamente a un prezo accesíbel".

Vivenda baleira

"Para poder atender ás necesidades da cidadanía que necesita un fogar necesítase sensibilidade e tamén vontade política que a Xunta de Rueda non demostrou. É necesario que o Goberno galego determine dunha vez a definición de vivenda baleira como xa fixeron outras comunidades como Euskadi, para poder polas no mercado", remarcou.

Ademais, Gómez Besteiro comprometeuse a dar pulso á Lei estatal de Vivenda e a colaborar cos concellos para baixar os prezos nas áreas que es-tes consideren tensionadas.

Comentarios