Besteiro presenta as 232 medidas do PSdeG para "transformar Galiza"

As propostas serán debatidas esta fin de semana.
Besteiro-Convención-141223-1200x675
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, na presentación. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, destacou esta quinta feira as 232 medidas incluídas no documento base que a formación levará á súa Convención Política desta fin de semana e da que sairá o programa electoral para as eleccións de 2024, un proxecto co que a formación aspira a "transformar a Galiza".

Besteiro destacou que se trata dun documento aberto con medidas destinadas a afrontar os desafíos "económicos, sociais, ecolóxicos"... que a Galiza necesita após "14 anos de inacción do PP de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda". 

"O obxectivo socialista", segundo apuntou, é "transformar a Galiza para que sexa dona do seu destino". Os socialistas galegos encaran así a Convención Política que teñen este sábado e domingo, días 16 e 17 de decembro, na Cidade da Cultura, e que inaugurará o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nunha mostra de apoio ao candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, no lanzamento do proxecto programático de cara ás eleccións galegas.

Desde o PSdeG trasladaron aos cargos orgánicos e agrupacións as propostas que servirán de base para o traballo desta fin de semana entre os máis de 1.000 participantes que o partido espera reunir na Convención.

"Documento vivo"

O PSdeG destacou que se trata dun "documento vivo", que contén medidas concretas, que serán enriquecidas coas achegas e emendas acordadas nas diferentes mesas de debate. A formación tamén sinalou que o documento inicial é o resultado dun traballo previo feito coas bases socialistas e "diferentes representantes do partido e da sociedade civil", que nas últimas semanas fixeron chegar as propostas que conformarán as bases programáticas.

O primeiro dos paneis, co lema “Construír a Economía Verde ao Servizo dos Galegos”, estará coordinado polo reitor en funcións da Universidade da Coruña, Julio Abalde. “Recuperar uns Servizos Públicos que Garantan a Igualdade de Oportunidades” será o obxectivo dos participantes no segundo dos paneis da Convención, que estará coordinado polo ex ministro de Sanidade, José Miñóns.

O terceiro dos bloques do evento, coordinado pola exsecretaria de Estado de Transportes Isabel Pardo de Vera, versará sobre a importancia de “Avanzar na Cohesión Territorial de Galiza”. O último dos paneis é o que atinxe especialmente ao modelo de país que defende o PSdeG, titulado “Un Novo Modelo para Propiciar a Segunda Transformación de Galiza”.

Comentarios