VÍDEO

Carlos Cuerpo, o elixido por Sánchez para asumir Economía tras a saída de Calviño

A Vicepresidencia primeira recae na ministra María Jesús Montero e a cuarta, que ocupaba desde o pasado mes, desaparece do organigrama.
Carlos Cuerpo, até o de agora secretario xeral do Tesouro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carlos Cuerpo, até o de agora secretario xeral do Tesouro. (Foto: Europa Press)

A saída de Nadia Calviño cara ao Banco Europeo de Investimentos, entidade que comezará a presidir oficialmente o vindeiro 1 de xaneiro, forzou Pedro Sánchez a afrontar a súa primeira 'crise de goberno' para reestruturalo só un mes despois de anunciar a súa composición. E o presidente español vén de anunciar o seu substituto á fronte do Ministerio de Economía: Carlos Cuerpo, até o de agora secretario xeral do Tesouro. A Vicepresidencia primeira será para a ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Nunha comparecencia ante os medios desde a Moncloa, Sánchez quixo gabar a traxectoria de Calviño, que o acompañou no Executivo desde que accedeu á Presidencia en 2018: "Se tivese que resumir en dúas palabras as moitas calidades de Nadia Calviño diría solvencia e honestidade". As mesmas calidades, asegurou, que foron determinantes para elixir o seu sucesor no departamento de Economía, Comercio e Empresa.

Cuerpo, cuxo nomeamento xa foi comunicado ao xefe de Estado, o rei Felipe VI, asume unha carteira "chave" para Pedro Sánchez, que o considera "un profesional novo, pero de acreditada competencia", e un servidor público "exemplar". "É un economista de enorme prestixio tanto a nivel nacional como nas institucións europeas e nos organismos financeiros multilaterais, e profundo coñecedor da Administración Pública e da política económica", subliñou o presidente.

Chega deixando tras de si unha dilatada traxectoria como analista económico para diferentes organismos e institucións como a Autoridade Fiscal (Airef) ou a Comisión Europea. E entre 2020 e 2021 traballou para a ex ministra Calviño como director xeral de Análise Macroeconómica do Ministerio, até que foi elixido secretario xeral do Tesouro Público e Financiamento Internacional, cargo que ostentou até hoxe mesmo. É licenciado e doutor en Economía.

Montero, vicepresidenta primeira

Carlos Cuerpo non herdará tamén a Vicepresidencia primeira da que Calviño foi titular desde 2021 e que agora recae na ministra María Jesús Montero, no último mes vicepresidenta cuarta, cargo que desaparecerá do Executivo. Sánchez destacou que "os logros económicos, así como o reforzo do Estado do benestar compatíbel coas políticas de consolidación fiscal" non serían posíbeis sen o "intenso e brillante traballo" de Montero en Facenda desde 2018.

A remuda en Moncloa afectará igualmente o Ministerio de Transformación Dixital de José Luis Escrivá, que absorve novas competencias asumindo a Secretaría de Estado de Función Pública, un título que se engadirá á propia denominación oficial do Ministerio. O obxectivo, dixo o presidente, é "aproveitar a dixitalización para mellorar a calidade dos servizos públicos".

Comentarios