Nadia Calviño, nova presidenta do BEI

Calviño, que sucederá Werner Hoyer á fronte do Banco durante os próximos seis anos, disputaba o posto con Vestager como principal rival.
Nadia Calviño, esta sexta feira. (Foto: Alexandros Michailidis)
photo_camera Nadia Calviño, esta sexta feira. (Foto: Alexandros Michailidis)

A vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, logrou esta sexta feira os apoios necesarios para ser a nova presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI), o que pon fin ao proceso político informal e permitirá pasar ao procedemento formal do BEI. Tras constatar que a de Calviño é a única candidata que reúne o apoio suficiente, o ministro de Finanzas belga, Vincent van Peteghem, que ostenta a presidencia rotatoria do Consello de Gobernadores do BEI, fará unha proposta ao Consello de Administración para unha votación final oficial.

O candidato gañador debe reunir o apoio do 68% de capital do banco e de polo menos 18 Estados membro, cuxa participación se reparte en función do seu peso económico na UE expresado no PIB na súa entrada na Unión —o Estado español contribúe co 9,66%— o que fai que resulte indispensábel o apoio das principais potencias económicas da UE.

Calviño, que sucederá Werner Hoyer á fronte do Banco durante os próximos seis anos, disputaba o posto con Vestager como principal rival, pero tamén coa polaca Teresa Czerwinska, o italiano Daniele Franco e o sueco Thomas Östros.

Segundo unha norma estabelecida en 1958 polo Consello de Gobernadores, o presidente do BEI recibe o mesmo salario mensual que o presidente da Comisión Europea, polo que Calviño percibirá, do mesmo modo que Ursula von der Leyen, arredor de 375.000 euros anuais, o que supón un chan de máis de 30.000 euros ao mes.

Comentarios