domingo 29/11/20

San Sadurniño e Narón reúnen os concellos da comarca para avaliar unha alternativa a Sogama

Ambos os dous consistorios convidaron aos gobernos locais da contorna a estudaren un outro modelo de xestión de recursos que supere o que actualmente desenvolve Sogama e que tildan de "anticuado" e aliás, "caro". 

Concello de San Sadurniño
Concello de San Sadurniño

Os concellos de San Sadurniño e Narón convocaron esta terza feira unha xuntanza de traballo para avaliar de maneira conxunta unha alternativa a Sogama. Após a fenda aberta entre a factoría de Cerceda, a Xunta e os gobernos locais insubmisos ao taxazo, estas dúas administracións organizan unha xornada para estudaren un outro modelo de xestión de residuos. 

Ao encontro están chamados todos os municipios da comarca e estará encabezado por Secundino García (BNG), alcalde de San Sadurniño, e José Manuel Blanco (Terra Galega).

San Sadurniño xa promoveu hai semanas unha xornada de traballo para distintas cidades exporen as súas alternativas á incineración

O obxectivo da xuntanza é "debater sobre a xestión do lixo, e mesmo analizar e explorar as posibilidades existentes neste ámbito, de cara a buscar, se é posible, métodos de xestión máis respectosos co medio ambiente, máis eficientes economicamente, e mesmo xeradores de riqueza e emprego", explican nun comunicado de imprensa. 

A iniciativa vén dar continuidade á procura de alternativas iniciada en San Sadurniño hai unhas semanas e que levou este concello a desenvolver unha xornada na que distintas cidades expuxeron as súas alternativas á incineración. 

Besteiro ofrece axuda aos concellos rebeldes

Mentres, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu esta segunda feira asesoría xurídica a aqueles concellos que se "rebelen" face o incremento das taxas de Sogama decretado polo goberno galego, por volta do 30 por cento [o tamén líder do PSdeG cifra o aumento no 34%].

Para o dirixente do PSdeG-PSOE, o asunto Sogama pon de relevo a escasa capacidade do Goberno Feijóo para condicionar o seu suposto goberno amigo, en relación a Madrid. Di isto Besteiro porque o PP ten argumentado que o incremento de prezos de Sogama -que tamén ten sido cuestionado por gobernos locais conservadores- é produto da reforma do sector eléctrico impulsada polo gabinete Rajoy.

comentarios