Rueda toma posesión coa presenza dos seus predecesores á fronte da Xunta

Alumnado do FP de Hostalaría de centros públicos servirá o ágape.
Alfonso Rueda nos corredores de San Caetano (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda nos corredores de San Caetano (Foto: Arxina).

O popular Alfonso Rueda tomará este sábado posesión como presidente da Xunta da Galiza nun acto que decorrerá no parque de San Domingos de Bonaval.

Previamente, Rueda e os seus predecesores á fronte do Goberno galego, Fernando González Laxe; Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feixoo, realizarán unha ofrenda floral no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, lugar escollido por Xerardo Fernández Albor, falecido en 2018, para a súa toma de posesión como presidente. No acto non faltará a nota musical, que correrá a cargo das bandas de gaitas impulsadas pola Deputación de Pontevedra e pola de Ourense, e polo artista Roi Casal, quen xunto a cantante Fátima Prego, interpretará o Himno galego.

Ademais, serán as alumnas e os alumnos de FP de Hostalaría de diferentes centros públicos galegos os encargados de servir o ágape ás perto de mil persoas convidadas ao evento. Ante as preguntas de Nós Diario sobre se o alumnado, fóra da xornada escolar, será remunerado, fontes da Dirección Xeral de Medios indicaron que estarán "guiados polo seu profesorado", "obviamente son voluntarios e están encantados e ilusionados pola oportunidade".

Protesta da CNT

O acto non estará exento de polémica, pois a Confederación Nacional do Traballo (CNT) convocou unha protesta do persoal público temporal para demandar solucións co fin de acabar coa temporalidade na Administración, "un problema que dura décadas". Exixe a conversión do persoal temporal "en fraude" a fixo, "segundo estabeleceu o Tribunal de Xustiza da Unión Europea". 

Comentarios