Chega á Galiza a exposición da CNT 'Mulleres libres (1936-1939) precursoras dun mundo novo'

O claustro da Facultade de Xeografía e Historia da USC en Santiago de Compostela acollera, do 30 de maio ao 24 de xuño, a exposición 'Mulleres libres (1936-39) precursoras dun mundo novo'.
Unha das fotografías da exposición (Foto: Arquivo CNT).
photo_camera Unha das fotografías da exposición (Foto: Arquivo CNT).

A CNT Galiza inaugurará o vindeiro 30 de maio a exposición 'Mulleres libres (1936-39) precursoras dun mundo novo"'(claustro da Facultade de Historia da USC en Santiago, ás 19 horas).

A mostra, que poderá visitarse até o 24 de xuño, viaxará despois até o municipio de Allariz.

A comisión desta exposición é Sonia Lojo, historiadora na Fundación Anselmo Lorenzo e no arquivo histórico da CNT. "Mulleres que reivindicaron consignas tan actuais como a liberdade sexual, a conciliación laboral, a sororidade e o mesmo salario para homes e mulleres", explica o sindicato nun comunicado. 

A intención desta actividade, que leva catro anos viaxando por varias cidades do Estado español, é "tratar de recuperar a obra e o labor dun grupo de mulleres que nace nos meses previos da Guerra Civil cunha tripla finalidade, emancipar da tripla escravitude á que se atopa sometida a muller como produtora, como muller e como obxecto".

Paneis e audiovisuais 

A mostra, que se pode visitar en Compostela, está formada por 16 paneis, ademais de materiais sonoros e audiovisuais, con información sobre a xestación e desenvolvemento da organización Mulleres Libres, as súas reivindicacións e ámbitos de actuación, as súas formulacións sobre igualdade, educación, traballo, sexualidade e a participación activa que desenvolveu para gañar a guerra contra o fascismo. 

"Transcorridas oito décadas desde a creación desta organización feminina, a Fundación Anselmo Lorenzo trata de dar a estas mulleres o recoñecemento que merecen, para que a súa loita sirva de experiencia e aprendizaxe ao movemento feminista actual", sentenzan.

Comentarios