Lourenzá prescinde do "núcleo duro" de Conde en Economía: cesa tres altos cargos da máxima confianza do ex conselleiro

Paula Uría, Pablo Casal e Fernando Guldrís, tres das persoas da máxima confianza e colaboradoras próximas de Francisco Conde na súa etapa como vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía e Industria, foron cesadas esta quinta feira. Anunciouno Alfonso Rueda, que lles agradeceu os servizos prestados. A nova titular da Consellaría após a crise de Goberno de inicios de mes, María Jesús Lourenzá, desfaise así de boa parte da ponte de mando do departamento.
Alfonso Rueda, esta quinta feira, na súa comparecencia após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda anunciou onte o cesamento destes tres altos cargos.(Foto: Arxina)

Pablo Casal era até esta quinta feira o secretario xeral técnico de Economía, Paula Uría a secretaria xeral de Industria e Fernando Guldrís o responsábel do Igape, Instituto Galego de Promoción Económica. A mediados deste mes nomes como os de Uría ou Casal mesmo soaban nas quinielas de fontes do PP galego para relevar Francisco Conde —que dimitiu para concorrer ás eleccións estatais— como conselleiro. Mais o destino deles, e de Guldrís, foi moi distinto. Onte o Goberno galego aprobaba o seu cesamento.

A preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego, Alfonso Rueda, apuntou que cando entra como conselleira unha nova persoa "ten dereito a configurar os seus equipos". Lourenzá, polo que se desprende desta decisión, non quería seguir con eses tres altos cargos, algúns deles polémicos, como Paula Uría, que levou o temón do desenvolvemento do modelo eólico que nos últimos meses foi posto en cuestión por varias sentenzas xudiciais.

A última delas fíxose pública esta cuarta feira: o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ordenou a suspensión cautelar da autorización para o polígono eólico Laboa II nos concellos de Zas e Santa Comba, ante a existencia de indicios dun posíbel dano ambiental a ecosistemas da zona. A preguntas sobre as sentenzas que cuestionaban o modelo eólico da Xunta da Galiza, Rueda sinalou esta quinta feira que "non estou de acordo" con esas resolucións mais que as "acata".

Os tres postos vacantes en Economía e Industria xa teñen  ocupante: Covadonga Toca será a nova directora xeral do Igape (onde fora secretaria xeral entre 2011 e 2015), Nicolás Vázquez fica á fronte da Secretaría Xeral de Industria e José Ramón Pardo é o novo secretario xeral técnico de Economía. 

Ademais, a ex deputada vilalbesa Sandra Vázquez, candidata na localidade o pasado 28-M sen lograr a Alcaldía, ocupará a Secretaría Xeral de Igualdade; Pilar Arias será secretaria xeral técnica da Consellaría de Infraestruturas; Begoña Abeixón, directora xeral de Atención á Discapacidade e Natalia Lobato, secretaria xeral técnica de Sanidade. Outros nomeamentos foron os de Joaquín Mato como secretario xeral técnico de Medio Rural; Alberto Fuentes, no mesmo cargo mais en Emprego e o até de agora concelleiro do PP en Pontevedra Pablo Fernández como secretario xeral de apoio ao Emprego.

Taxa turística

Sobre a petición de xuntanza solicitada pola alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, para abordar a implementación da taxa turística, Rueda manifestou a súa dispoñibilidade para reunirse mais, apuntou, "aínda non sei cal é a proposta de taxa turística". A instancias da prensa, sobre o pacto para Ourense entre Democracia Ourensá e o PP, Rueda advertiu dun "veto político absurdo" do PSdeG e do BNG a falar co Partido Popular. Ese foi o motivo, dixo, de que o PP chegase a un pacto con Gonzalo Pérez Xácome. 

Comentarios