Rueda recoñece un verán "complicado" para a sanidade

O verán é unha "situación complicada" para a sanidade galega. Así o recoñeceu onte o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, preguntado por Nós Diario sobre as denuncias de persoal do Sergas polas consecuencias do feche de camas en hospitais. Porén, o titular da Xunta quixo facer un chamado á "tranqulidade". 
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda (Foto: Xunta da Galiza)

Coa chegada do verán hai unha redución das prestacións sanitarias na Galiza. Menos camas, menos medios e menos persoal. Esta é a denuncia reiterada que, ano tras ano, se realiza desde o propio persoal sanitario e desde asociacións de persoas usuarias. Tamén no presente exercicio, onde se denuncia o feche de 665 camas. 

Sobre esta problemática preguntou onte Nós Diario a Alfonso Rueda na comparecencia semanal do presidente após o Consello da Xunta. "O verán sempre é unha situación complicada", recoñeceu o titular do Goberno galego. Porén, e malia o feche desas 655 camas, Rueda fixo un chamamento á tranquilidade", apuntando que en caso de ser "necesario" todos os recursos do Sergas "estarían dispoñíbeis".

Mais eses recursos non están dispoñíbeis estes días malia que, como denuncian os sindicatos, a diminución da oferta sanitaria está a provocar problemas aos pacientes: "unha media diaria de entre 20 e 25 pacientes teñan que agardar  [no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo] dun día para outro en urxencias á espera de que se produzan altas, co conseguinte trastorno para os doentes e os seus familiares”. 

Rueda mesmo indicou que hai un "plan de reforzo" para os centros de saúde ante a posibilidade de "picos de actividade" en determinadas áreas sanitarias nestes meses de verán. 

Ao tempo que o presidente facía estas declaracións, un cento de veciños e veciñas de Corrubedo, concello de Ribeira (O Barbanza), protestaban ante o Parlamento para pedir "un médico a tempo completo e todos os días". Na concentración estivo presente o novo alcalde de Ribeira, o nacionalista Luís Pérez Barral. Unha integrante da Plataforma de Defensa do Médico de Corrubedo, Ana Muñiz, lembrou, en declaracións aos medios, que desde novembro "mándanlles cada día un médico diferente" durante só dúas horas.

Oncoloxía

Este medio tamén preguntou ao presidente polas queixas de usuarios do CHUS, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, polos atrasos, máis aló do fixado pola normativa, nas revisións oncolóxicas. Rueda afirmou descoñecer estas situacións en concreto, mais asegurou  que se en algo "mostrou a súa prioridade o Sergas é neste campo", apuntando estar "seguro" de que esas situacións "serán corrixidas".

Lei de Vivenda estatal

O Consello aprobou onte solicitar ao Goberno español a apertura dunha comisión bilateral para tratar de resolver o conflito aberto pola Lei estatal de vivenda, que o Executivo galego considera que invade as súas competencias. Rueda, comentou que este paso pretende "evitar" a presentación dun recurso de inconstitucionalidade. A Xunta rexeita, entre outras cuestións, que na norma estatal se fixe unha "porcentaxe inamovíbel" de vivendas que deban de dedicarse ao aluguer, así como que "limite a capacidade dos territorios" .

Comentarios