Rueda pide non confiar nas enquisas

O aspirante do PP españoliza a campaña: "Eu quero o voto para que Feixoo sexa presidente de España"
Rueda participou nun mitin na Estrada.
photo_camera Rueda participou nun mitin na Estrada.

O presidente da Xunta e candidato á reelección do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu aos seus, á espera de que esta segunda feira saia a luz a última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), á que se referiu como "a enquisa do señor Pedro Sánchez", que non se fiasen de ningunha delas e que, se teñen que facelo, que o fagan "cos peor". Pero subliñou que a clave está en ir votar: "Hai que ir e votar si ou si".

"Ollo coas enquisas! A min non me vale ningunha", afirmou durante un mitin na Estrada, onde se reuniron unhas 500 persoas, antes de incidir en que, se ben que a maioría das enquisas que saen este domingo, a piques de que feche o prazo legal de publicación, son favorábeis á preservación da maioría absoluta, prefire non confiarse.

 

"Se eu fose unha persoa cómoda, que pensase que con isto xa se podía tranquilizar e cruzar os brazos, entón estaría moi tranquilo porque hai moitas, a maioría, menos as de sempre e as que quedan por saír, que nos dan a maioría", explicou, antes de anticipar que xa sabe o que dirá "a terceira entrega do CIS do señor Tezanos, é dicir, a do señor Sánchez e a da esquerda na Galiza".

"A primeira entrega dicía que o tiñamos moi difícil hai dúas semanas. A segunda dicía que o tiñamos practicamente imposibel hai catro días. Na de mañá -se non me equivoco, que igual o señor Tezanos me dá unha alegría e conta a verdade por unha vez-, dirá que é mellor que non nos presentemos porque non imos conseguir ningún deputado”, augurou.

"Pois eu digo que o que importa é o día 18 e que, se hai que poñer algunha expectativa, hai que mirar a peor enquisa. Hai que ir votar, nada máis vale. Non me importan as enquisas. Hai xente mirando o tempo que vai facer e isto é igual. É como as enquisas, que máis dá o que digan as enquisas, non importa se chove ou non. Aquí hai que vai votar, si ou si", concluíu.

 

"Axudar a Feixoo a presidir España"

O presidente da Xunta e aspirante do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, pediu este domingo un "si" nas urnas o vindeiro domingo 18 de febreiro para evitar que goberne Galicia a esquerda "sectaria de sempre" encabezada polo BNG, aínda que agora "blanqueada", pero tamén para "axudar" ao seu xefe de filas, Alberto Núñez Feixoo, a "presidir España canto antes".

"Pídovos o voto para axudar. Porque, desde aquí, podemos axudar a que España teña remedio, porque todas esas avarías que están a montar os de sempre, que están a montar na Moncloa para seguir no poder, todo iso ten remedio. Eu quero o voto para axudar a Alberto Núñez Feixoo para que sexa presidente de España canto antes", sentenciou.

Tras recalcar que o líder do PP está "a patear a Galiza" como "un militante máis" para botarlle unha man na campaña electoral, proclamou que é preciso contribuír a que chegue á Moncloa "canto antes". "Que boa falta fai!", reiterou ata en dúas ocasións. E a continuación, pediu a mobilización o 18F para que a Galiza "non pare" e "non se atasque nas leas nos que están atascadas outras comunidades". "Para que a Galiza sexa un exemplo e un ánimo nesta España que parece que se volveu tola, eu pídovos unha confianza abafadora!", demandou.

Comentarios