Rueda pecha a porta a que haxa varias candidaturas para suceder Feixoo: "Haberá acordo"

Alfonso Rueda respondeu a preguntas dos medios en Vigo. (Foto: Europa Press)
O vicepresidente primeiro da Xunta evitou pronunciarse sobre a posibilidade de que a presidencia do PP galego sexa ocupada por unha persoa distinta a quen ocupe a presidencia da Xunta.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, pechou a porta a que haxa diferentes candidaturas para suceder o aínda presidente, Alberto Núñez Feixoo, e asegurou que "haberá acordo" dentro do Partido Popular (PP) galego para pechar esa sucesión.

"Imos facelo ben e chegaremos a un acordo que daremos a coñecer", dixo o vicepresidente en declaracións aos medios en Vigo, antes de lembrar en que o propio Feixoo situou a activación do proceso de sucesión na Xunta no mes de abril, para que o novo presidente fose votado no Parlamento galego en maio.

Preguntado pola posibilidade de que o novo presidente da Xunta non ocupe tamén a presidencia do PP galego, senón que sexa outra persoa, Rueda sinalou que "é o que estamos a falar agora mesmo, non o sei realmente", evitando así  pronunciarse sobre unha opción que Diego Calvo abriu na terza feira nunha entrevista na TVG.

Engadiu que "cada un terá as súas opinións" pero segundo el será posíbel alcanzar un pacto que facilite a sucesión. "Chegaremos a un acordo, iso seguro", proclamou.

Agradece os "apoios"

Sobre a súa posición vantaxosa como vicepresidente primeiro da Xunta para substituír a Feixoo no Goberno galego, limitouse a agradecer os "apoios" públicos e privados que recibiu.

"Agradezo os apoios, algúns públicos e outros en privado. Agradézoos e pouco máis. Estamos a falar co presidente Feixoo e isto é un proceso que estamos a empezar. Pouco máis que achegar, agradezo os apoios públicos e privados, e pouco máis", insistiu.

Finalmente, matizou que o agradecemento como tal non quere "dicir outra cousa" que que el é o presidente do PP en Pontevedra e membro do Goberno. "Cando chegue o momento, darei a miña opinión como a está dando todo o mundo", concluíu.