Consello da Xunta

Rueda non contratará máis persoal médico para o seu plan de Primaria

O mandatario galego saca peito da xestión da dependencia.
Rueda consello_01
photo_camera Alfonso Rueda chegando onde á sala de prensa do Consello da Xunta. (Foto: Nós Diario).

A campaña electoral volveu a marcar a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da Galiza, malia as advertencias da Xunta Electoral ao xefe do Executivo galego por facer un uso partidista do órgano de Goberno galego. Neste sentido, Alfonso Rueda aproveitou a súa comparecencia para lanzar diversas mensaxes en materia de Atención Primaria, dependencia e vivenda. Precisamente, as políticas nestes ámbitos son algunhas das máis criticadas pola cidadanía.

Rueda presentou onte as conclusións dun informe sobre o funcionamento dos servizos de dependencia na Galiza. Neste sentido, destacou “un impulso importante” nos últimos anos e significou avances “na resolución de expedientes”, “na mellora da cobertura” e  “na atención aos usuarios”. Porén, as valoracións de Rueda non coinciden cos datos fornecidos por organismos públicos como o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) do Ministerio de Dereitos Sociais, ou privados como o Observatorio da Dependencia, da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais.

A Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais sinala que Galiza é a autonomía que menos inviste en dependencia. Tanto é así, que o conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2022 de media ao financiamento deste servizo 74% do seu custo total. Porén, a Xunta da Galiza só dedicou 65%. Ao tempo, o Imserso indicaban que a 31 de xullo de 2023 o tempo medio de espera na Galiza para a resolución do grao de dependencia era de 277 días, 71 por encima da media estatal. Nesta dirección, os datos achegados polo Goberno estatal apuntan a que o tempo medio transcorrido desde a solicitude da axuda de dependencia até a resolución da prestación sitúase na Galiza en 370 días.

O mandatario galego avanzou, tamén, a posta en marcha dun Plan galego de atención domiciliaria en Atención Primaria para o período 2024-2025 co obxectivo de achegar este servizo aos pacientes “que pola súa situación clínica non poden desprazarse de forma habitual ata o centro médico” coma persoas inmobilizadas, crónicos complexos ou que tras un ingreso hospitalario precisan certos coidados na súa vivenda. Nesta dirección, centrou o orzamento desta actuación nunha cantidade próxima a 4 millóns de euros, mais non se destinaran a contratar máis persoal médico.

As criticas polo funcionamento da Atención Primaria son constantes nos últimos anos. Neste sentido, a Estatística de Gasto Sanitario do Ministerio de Sanidade sinalou no seu informe, que en 2021, último ano con datos, Galiza e Madrid foron as dúas comunidades autónomas do Estado que menos diñeiro destinaron a Atención Primaria, significando no primeiro caso 11,8% do diñeiro total dedicado a Sanidade e no segundo 11%. A maiores, o investimento en Atención Primaria no país foi 2,4 puntos inferior á media estatal, situada en 14,2% e ficou moi lonxe daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado.

Alfonso Rueda avanzou novas medidas para favorecer o acceso á vivenda en réxime de propiedade e aluguer. Neste caso, trátase de avais para favorecer os arrendamentos nos cascos históricos das cidades e para a compra de inmóbeis nos concellos de menos de 10.000 habitantes. A proposta chega, nun contexto onde as vivendas do parque público da Xunta supoñen só 0,32% das vivendas principais, tres veces menos que a media estatal (0,96%) e 30 veces menos que a da Unión Europea (9,3%).

Comentarios