Alfonso Rueda, sobre as eleccións galegas: “Agora non tocan”

O presidente galego segue sen pór data para os comicios, pero matiza que unha repetición electoral estatal "non o condicionaría"

Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, este sábado en Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, este sábado en Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, continúa sen pór data para as próximas eleccións galegas, aínda que avanzou que "neste momento non tocan" e asegurou que unha posíbel repetición electoral a nivel estatal non o "condicionaría" á hora de convocar comicios (que de haber un adianto e facéndoos coincidir, serían en xaneiro).

Así se expresou Rueda este domingo nunha entrevista concedida a Cadena Ser Galicia, onde insistiu en que "neste momento non tocan" as eleccións e "o que toca é gobernar". "Cando case ninguén pensa que é importante [gobernar], para min éo", indicou.

"O que dixen cando me preguntaron é que non as vía no horizonte", sinalou, tras o que defendeu "a illa de estabilidade e certeza" que representa a Galiza en canto a gobernanza. "E quero seguir así. A día de hoxe non vai haber eleccións", aseverou.

Preguntado por unha convocatoria no mes de xuño, coincidindo coas vascas, recoñeceu que sería "a data límite". "Máis aló parece complicado", apostilou, dado que xa en 2020 foron atrasadas pola pandemia.

Posíbel repetición electoral

En canto a unha convocatoria xunto a unhas eleccións estatais de ter que repetirse estas após fracasar as sesións de investidura, Rueda indicou que a súa pretensión é "seguir gobernando e dar estabilidade aos galegos e ás galegas" e que o que pase a nivel estatal "non depende do que pase na Galiza".

"Se a pregunta é se convocaría eleccións ao mesmo tempo, sen poder dicir que non categoricamente, diríalle que non me condicionaría", afirmou, matizando tamén que "outra cousa" é que despois "se dean outras circunstancias".

 

Comentarios