Parlamento | sesión de control

Rueda defende unha Xunta con cero traspasos en 14 anos: "Prefiro a calidade"

Alfonso Rueda está canso de que lle pregunten sobre que xestións fai o Goberno galego ante o Estado para defender os intereses da Galiza. Afirmouno esta cuarta feira o propio presidente galego no Parlamento, durante a sesión de control: "Preguntan sempre o mesmo", dixo con xesto canso. E a seguir, cargou contra o BNG e o PSdeG, aos que acusou de non defender a Galiza e de supeditarse, respectivamente, a Pedro Sánchez e ao independentismo catalán.
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez na sesión de control no Parlamento galego. (Fotos: Parlamento)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez na sesión de control ao presidente de hoxe. (Fotos: Parlamento)

A sesión de control ao presidente é un bo termómetro da proximidade de eleccións. Non se sabe aínda a data fixa das galegas —tocan en 2024— mais a temperatura destas últimas sesións na Cámara está varios graos por riba do habitual. Hoxe, con novo anuncio incluído: Rueda avanzou que os maiores de 65 anos poderanse beneficiar xa do autobús interurbano gratuíto (o que depende da Administración galega) a partir de 1 de xaneiro de 2024.

Unhas sesións, ademais, onde cada vez está a cobrar máis peso a política estatal malia decorrer na Cámara galega, ser o presidente galego quen comparece e a oposición galega quen pregunta. Alfonso Rueda empregou esta cuarta feira —e non é a primeira vez— parte do tempo das súas quendas de respostas en cargar contra as "cesións" ao independentismo catalán ou sobre a amnistía ás persoas encausadas polo 'procés'.

A portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, reprochou a Rueda que, na liña dos Gobernos do PP destes 14 anos, non sexa quen de defender os intereses do país. "Gobernos como Andalucía ou Madrid, do PP como vostede,  veñen de lograr do Executivo estatal diferentes achegas millonarias", sinalou Pontón. "Os seus compañeiros cómenlle as papas negociando co Estado, e vostede, que conssegiu para a Galiza?". Volveu lembrara  nacionalista que ao longo destes 14 anos de Gobernos do Partido Popular na Xunta a Galiza logrou cero transferencias, "Catalunya 14, Euskadi 20, Andalucía 11...". Para Pontón, por non ser quen, os Executivos populares na Galiza non foron quen de lograr algo "na AP-9" malia gobernar durante durante anos aquí e alén do Padornelo. "Iso si, as radiais madrileñas rescatáronse".

Para Rueda, porén, a culpa de que non se transfira a AP-9 é do BNG. "Son os únicos nacionalistas que non conseguen nada de Pedro Sánchez", afirmou, E criticou ao nacionalismo que ande "sempre co número de transferencias", algo que non lle quita o sono pois, dixo, "prefiro a calidade". Porén, é difícil medir a calidade dos traspasos logrados nestes anos xa que foron cero.

O presidente galego acusou a oposición de estar "todo o día co cálculo electoral" e de permanecer "calados" mentres o Executivo español "está a cociñar o que lle vai dar a Catalunya e sacar a Galiza". A maiores, puxo a Lei do litoral —recorrida polo Goberno estatal— como exemplo de aposta do seu Executivo polo autogoberno. Pontón retrucoulle que nestes anos Canarias, Balears ou Andalucía xa lograran a transferencia da xestión do litoral.

"Anuncios electoralistas"

O portavoz do grupo socialista, Luis Álvarez, afeou ao presidente da Xunta que estea a “facer campaña electoral cos Orzamentos para 2024, enganando a cidadanía con medidas salvadoras” e “anuncios” que en realidade non existen.

Advertiu que as contas da Xunta para 2024 non inclúen “nada que mellore a vida das galegas e dos galegos”, como as prazas en residencias públicas ou centros de día, e advertiu que “a Galiza non é unha folla de cálculo”.  Criticou neste sentido que mentres fan “anuncios electoralistas” reducen 11 millóns na dependencia ou 12 no fomento da empregabilidade.

Para Rueda, o PSdeG "ficou noqueado" no Debate do Estado da Nación que decorreu na Cámara galega este mes "e non se enteran do que pasa". E que é o que pasa? Para Rueda, que hai uns orzamentos en marcha dos que está "orgulloso" e nos que hai "menos impostos".

Alusións

Ao final da sesión, Ana Pontón  apelou ao artigo 76.1 do regulamento da Cámara para pedir que se retirase unha frase de Rueda "que di que nos desprezamos as perdoas maiores". O presidente da Cámara entendeu que esa afirmación fíxose nun debate político.


O Parlamento rexeita pedir ao Estado a retirada dos POEM

O Parlamento galego non pedirá a retirada dos POEM, os Plans de ordenación do espazo marítimo en base aos que se deseña a implantación da eólica mariña no litoral galego. PP e PSdeG votaron esta cuarta feira contra a proposición non de lei presentada polo BNG e debatida esta terza feira na Cámara galega. A deputada nacionalista Rosana Pérez explicou que o recente informe do Tribunal de Contas da Unión Europea no que se advertía do posíbel impacto a eólica mariña na pesca e na perda de biodiversidade obrigaba a volver sobre os POEM.

O informe europeo, apuntou Pérez, vén dicir "o que sector pesqueiro e BNG levan tempo advertindo" e por iso volvía a demandar a súa retirada. Nin PP nin PSdeG atenderon os argumentos do BNG e criticaron os nacionalistas por se opor a "calquera" desenvolvemento enerxético para a Galiza.

Sen "medidas concretas" para reducir a espera en dependencia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou esta cuarta feira no Parlamento que o Goberno galego "traballa para reducir os tempos de espera" en dependencia, indicando é"un reto de enormes dimensións". A conselleira respondía así a unha interpelación da nacionalista Iria Carreira, que lembrou que a Galiza sitúase como o quinto territorio con maior tempo medio de agarda (364 días) cando o máximo previsto na lexislación estatal é 180 días.

A parlamentaria do BNG instou a García a explicar que "medidas concretas" impulsa a Xunta para afrontar ese problema. García evitou responder a esa cuestión e citou outros proxectos en dependencia.

Comentarios