O Congreso aproba reactivar a comisión de Transferencias á Galiza

O deputado do BNG, Néstor Rego, reivindica a totalidade das competencias pendentes previstas no Estatuto a comezar polas reclamadas reiteradamente polo Parlamento da Galiza: tráfico, seguranza viaria, seguranza pública, salvamento marítimo ou AP-9. Antón Gómez Reino, voceiro de Galicia en Común, manifestou a necesidade de que a Cámara Baixa poña en marcha "canto antes" o diálogo entre ambas as Administracións para poder facer efectivas estas transferencias.

Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
photo_camera Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)

A comisión de Política Territorial do Congreso aprobou as proposicións do BNG e de Galicia en Común-Unidas Podemos para reactivar a comisión mixta de Transferencias entre o Estado e a Xunta. O deputado do Bloque, Néstor Rego, pediu ao Goberno estatal reactivar a comisión para impulsar a transferencia á Galiza das competencias pendentes, comezando polas que veu reclamando por unanimidade o Parlamento galego. Rego reprochou ao Partido Popular que, tras doce anos de Goberno de Núñez Feixoo, non se asumise ningunha nova competencia e reivindicou o traslado inmediato das competencias en materia de tráfico, seguranza viaria e pública, salvamento marítimo ou infraestruturas como a AP-9.

“Nos últimos doce anos de Goberno de Feixoo e do Partido Popular, a Administración galega non asumiu nin reclamou unha soa competencia das previstas no Estatuto nin se preocupou por conseguir as reclamadas polo Parlamento da Galiza” subliñou Rego, que aludiu á intencionalidade do PP de minguar a capacidade da Galiza de poder decidir sobre os seus asuntos. “As últimas negociacións de competencias producíronse polo impulso do BNG desde o Goberno galego, desde a Vicepresidencia da Xunta e tiveron lugar entre Anxo Quintana e a ministra Elena Salgado”, lembrou o deputado nacionalista.

“O PP non é capaz de defender esa posición de rendición diante da cidadanía da Galiza e, consecuentemente, vota sistematicamente a favor das propostas que se realizan no Parlamento en reclamación de competencias, mais despois non move un dedo por asumilas efectivamente” criticou.

Iniciativa de En Común

Tamén, con emenda do PSOE saíu adiante a proposición do portavoz de Galicia en Común e deputado no Congreso por Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, co mesmo obxecto. Reino manifestou a necesidade de que a Cámara Baixa poña en marcha "canto antes" o diálogo entre ambas as Administracións para poder facer efectivas estas transferencias despois de que, segundo asegurou, pasasen máis de dez anos sen que o Goberno transferise competencias a Galiza.

Ademais da AP-9, Reino mencionou outras competencias como salvamento marítimo ou tráfico e insistiu en que "o mínimo que se pode pedir a un Goberno é que exerza as súas competencias" e que "precisamente" hai que reclamalo cando son cuestións que teñen un "amplísimo consenso na Galiza".

As iniciativas foron emendadas e apoiadas polo Partido Socialistas, e contaron co apoio do PP, o ‘non’ de Vox e a abstención de Ciudadanos.

Autoestrada do Atlántico, a camiño de ser galega

Precisamente, no que ten a ver coa AP-9, o BNG sinalou que debe ser unha das infraestruturas que se transfiran, unha vez que se complete a tramitación que vén de aprobar o pleno do Congreso. Rego considera que o traballo neste organismo non obstaculizaría outras liñas de actuación sobre a autoestrada para “rematar cos abusos da concesionaria e aplicar as medidas asinadas co BNG no acordo de investidura”.

Para ilustrar a necesidade de que a Galiza teña competencias e capacidade para decidir, Rego aludiu a que esta semana dúas Conselleiras da Xunta da Galiza reclamaban  a competencia de Ordenación do Litoral, que agora se ve como necesaria debido á problemática xurdida co artigo 18 da nova Lei de Cambio Climático, que o BNG solicita eliminar xa que “é gravemente lesivo para os intereses da Galiza e, en concreto, de todo o complexo mar-industria alimentaria, de pequenas e medias empresas vinculadas á economía local e costeira, sustentábeis e respectuosas co medio ambiente”.

Para o BNG, é este un problema xerado porque “se lexisla desde Madrid, con criterios uniformes para todo o Estado mais para realidades diferentes”.

Comentarios