Rajoy aplaude en TVE a Feijóo e critica a oposición galega

O presidente do goberno español deixa entrever que non pedirá o rescate antes do 21-O, data das eleccións galegas. Así o manifestou na súa primeira entrevista nunha TV nos 8 meses que leva de mandato, onde aproveitou tamén para facer un panexírico de Núñez Feijóo

Era a súa primeira entrevista en TV desde que ocupa o cargo de presidente do goberno español, e a cargo de xornalistas de 5 medidos de comunicación. Quizais por iso había certa curiosidade e espectación polo que Mariano Rajoy puidese dicir despois destes meses de treboada económica, política e social. Mais o presidente non se moveu do guión e incidiu na doutrina de que o principal e primordial é reducir o déficit do Estado español. Esa é, considera, a trabe de ouro sobre a que erguer despois a casa do emprego e os servizos públicos. Mais o importante, e deteuse niso varias veces na entrevista dunha hora de duración, era combater o déficit público. Para ter credibilidade. Para ter crédito, dixo.

O presidente do goberno español tamén fixo referencia ás eleccións galegas. De forma velada ou de forma directa. Na prmeira, ao falar da petición do rescate, sinalando que non hai unha decisión adoptada e que hai que estudar polo miúdo todo o relativo a esa petición. Apuntando que non será antes do 21-O, data dos comicios galegos, cando esa petición de rescate se faga efectiva. 

Feijóo versus "bipartitos, tripartitos, cuatripartitos"

E xa nas referencias directas, Mariano Rajoy realizou un panexírico de Núñez Feijóo, poñéndoo como exemplo e mesmo adaíl do que debe ser a xestión dunha administración. Para o presidente español, e así o dixo na entrevista, se todos tivesen actuando nestes catro anos como fixo Feijóo, a situación do estado sería, afirmou, ben distinta á actual.

"A reforma laboral está funcionando moi ben"

Mais Rajoy tamén quixo referirise ao escenario político galego, e falou da desbaratada oposición. Así, indicou que os e as galegas só temos dúas opcións neste 21 de outubro: a seguridade do PP ou un conglomerado de siglas das cales sairá un "bipartito, o tripartito o cuatripartito...".

Centralización

A entrevista en TVE tamén serviu para que o presidente español volvese incidir na mensaxe centralizadora que tanto gosta aos populares. Neste sentido, e ás portas da Diada, Mariano Rajoy criticou que no Estado español existan en certos eidos 17 normativas difefrentes, en referencia ás competencias de comunidades autónomas, e que provocan que a cidadanía teña obrigas diferentes segundo o territorio. Para acabar con iso, enfatizou Rajoy, o executivo central activará iniciativas que poñan fin a esas "disparidades de criterios".

Pensionistas e...

"Se hai algo que non vou tocar son as pensións". Foi a frase contundente do presidente na entrevista televisiva, coñecedor de que tocar esa prestación é a liña vermella que cómpre non pasar para moitas das e dos seus votantes. Mais Rajoy non quixo afondar máis nese tema e evitou maiores concrecións. Do que si evitou falar foi da posibilidade de novos recortes, novos impostos, baixadas de salarios a funcionari@s... Iso si, o presidente do goberno español aplaudiu a reforma laboral que, afirmou, "está funcionando moi ben".

Comentarios