Análise

O futuro dos socialistas decídese na A-6

O arquivo da última causa aberta contra o que fora secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abre novas variábeis de cara ao futuro congreso do partido na Galiza.
José Ramón Gómez Besteiro e Valentín Formoso. (Foto: Nós Diario).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro e Valentín Formoso. (Foto: Nós Diario)

A recente decisión da Audiencia de Lugo de arquivar a coñecida como "Operación Pulpo", a última causa aberta contra José Ramón Gómez Besteiro, non só despexa a situación procesual do antigo secretario xeral do PSdeG, senón que introduce novas variábeis no proceso congresual dos socialistas galegos. A falla de concretar a data exacta para a realización do conclave, previsto para outono, as fontes socialistas consultadas por Nós Diario dan por feito que Besteiro está chamado a xogar un papel destacado no futuro inmediato da formación na Galiza.

José Ramón Gómez Besteiro, apartado da primeira liña das responsabilidades políticas desde marzo de 2016, mantén practicamente intacta a súa influencia e ascendencia sobre os socialistas das comarcas lugueses. Neste sentido, ninguén cuestiona a proximidade e lealdade ao antigo presidente da Deputación de Lugo de importantes referencias institucionais da formación, como as alcaldesas de Lugo ou Viveiro, Lara Méndez ou María Loureiro, así como da maioría dos rexedores dos 30 concellos presididos polos socialistas na circunscrición de Lugo. 

Os dirixentes socialistas lugueses conectados por Nós Diario significan o seu peso entre a afiliación do partido. A este respecto, un alcalde socialista da Terra Chá, cualifícao "de líder natural" e pon en valor " a súa empatía innata". Pola súa banda, a responsábel da área económica da Deputación de Lugo e alcaldesa de Trabada, Mayra García, ten recibido nas redes sociais a desimputación de Besteiro como "esta gran noticia que chega con tanto retraso, porque despois de seis anos, o socialismo galego recupera un líder que nunca debeu perder". 

A posición de Besteiro no próximo congreso dos socialistas non é unha cuestión menor. Ao seu favor xoga o apoio que concita na circunscrición de Lugo, unha área que Caballero deu por controlada tras apostar José Tomé como presidente da Deputación, contra a opinión maioritaria da dirección do partido na zona.

Neste sentido, as fontes consultadas por Nós Diario dan por feito que a maioría dos socialistas lugueses van estar con Besteiro no vindeiro congreso dos socialistas. Ao tempo, significan a proximidade e a relación con Pedro Sánchez, a quen apoiou nos momentos máis complicados da súa traxectoria política e que ten moi en conta a opinión de Besteiro no referido a Galiza.

A amizade e sintonía entre Besteiro e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso é coñecida. Así as cousas, no caso de que Valentín Formoso dea un paso adiante para disputar o liderado dos socialistas a Gonzalo Caballero, semella probábel que o barón coruñés conte co apoio do dirixente lugués nesa batalla. Neste sentido, as fontes da formación consultadas por Nós Diario consideran que un candidato á secretaria xeral da organización avalado pola afiliación de Lugo e A Coruña ten moitas posibilidades éxito, polo peso cuantitativo de ambas as agrupacións. 

O futuro político de Besteiro está máis que nunca en mans de Besteiro. Unha vez liberado da súa última imputación correspóndelle decidir que papel desexa xogar, se ben dentro das filas socialistas non dubidan que está dispoñíbel. Neste sentido, a práctica totalidade das fontes consultadas por Nós Diario dan por seguro o seu retorno á primeira liña política porén discrepan á hora de determinar o seu encaixe, moi condicionado polos resultados do congreso pero sobre todo polas decisión de Valentín Formoso.

Comentarios