XOáN BASCUAS

“Queremos entrar no Parlamento galego e ser a forza de equilibrio para unha alternativa ao PP”

Nomeado oficialmente candidato de Compromiso por Galicia á Xunta de Galiza, prognostica unha Cámara galega moito máis “plural” após as eleccións de Outono. “Decidimos concorrer sós, cun proxecto propio”, lembra.

bascuas efe

Compromiso por Galicia foi a primeira forza en proclamar candidato á Xunta de Galiza e cabeza de listas polas catro cicunscricións para as eleccións galegas que decorrán en outono. Xoán Bascuas (Rüsselsheim, Hesse, Alemania, 1970), profesor da Universidade de Compostela, prognostica que deses comicios vai saír un Parlamento galego “máis plural”, reflectindo así “mellor” a propia sociedade galega. Aposta na presenza de CxG nese novo Parlamento. E, engade, para achegar “diálogo” e “sentido común”.

- Candidato á Xunta de Galiza. Impón?

- Pois non, non impón (ri). Máis ben o que impón é a confianza depositada polos compañeiros e compañeiras, e entrar no Parlamento para representar os meus co-cidadáns e facer as cousas ben.

- As eleccións galegas preséntanse como abertas e con diversas interrogantes sobre a mesa. Terá o PP maioría absoluta? Que representación terán as diferentes formacións? Haberá novos partidos na cámara? Nese escenario, que papel vai xogar CxG?

- Todas estas variábeis son incógnitas difíciles de despexar. Non axudan moito as enquisas, a verdade. Xa dixera Benxamín Disraeli que hai pequenas mentiras, grandes mentiras e estatísticas. Que cada gran grupo de comunicación teña a súa empresa de sondaxe xa é bastante indicador.

Dentro da cautela que hai que ter, eu prognostico que o Parlamento galego que vai saír desas eleccións vai ser máis plural, reflectindo así a propia sociedade galega. Pode que sexa a máis plural da historia do Parlamento de Galiza, e iso é moi positivo.

- Por que?

- Porque vai abocar os partidos a participar no diálogo, na concertación, no acordo, algo que non estivo moi presente na política galega. Esa pluralidade vai obrigar os partidos a poñerse de acordo. E é aí onde Compromiso por Galicia vai ter un papel importante, como axente conciliador, achegando equilibrio e sentido común. Ser a ponte entre uns e outros para poder construír a alternativa ao Partido Popular.

- Após a Convención electoral houbo quen optou por marchar de CxG en desacordo coa decisión de se presentar en solitario, desbotando ir coa Marea.

- Houbo xente que decidiu seguir o seu camiño. Deséxolles moita sorte nas decisións que tomen. Compromiso decidiu concorrer en solitario e co seu propio proxecto

- Fica aínda tempo até eses comicios. Mais, que campaña tendes prensados desenvolver?

- Fica tempo, mais nós xa non é que esteamos pensando neses comicios senón tamén nas municipais de 2019. O noso proxecto político constrúese con ferramentas diferentes ás do resto das formacións, xexan 'vellas' ou 'novas'. Non temos o apoio dos bancos nin dos grupos mediáticos... O noso partido facémolo nós mesmos e iso obriga, entre outras cousas, a pensar a longo prazo.

Nós propoñémonos acadar representación no Parlamento de Galiza e ser chave como forza de equilibrio para construír unha alternativa ao PP. E para iso na campaña imos apostar en dar a coñecer a marca e o programa, así como como potenciar os nosos representantes. E sabendo que nós temos un proxecto en positivo e construtivo.

Comentarios