Ana Pontón ofrece a Rueda negociar unha posición "de país" ante o Estado

A líder do BNG ve o novo Goberno "sen proxecto".
ANA PONTÓN_ROLDA DE PRENSA 1
photo_camera Pontón, portavoz nacional do BNG, na comparecencia de onte (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo esta segunda feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, unha reunión no arranque desta nova lexislatura para fixar unha posición de país en defensa dos intereses da Galiza ante o Estado.

A proposta do BNG pasa por “abrir unha nova etapa na relación co Estado” na que a Galiza gañe máis peso político e poida negociar en mellores condicións cuestións que afectan á vida das persoas. Para iso, Pontón ofreceu tratar tres cuestións fundamentais: as competencias pendentes, a condonación da débeda e un novo modelo de financiamento.

 “O que máis nos preocupa no BNG é que a Galiza ten retos moi importantes que afrontar, e que moitos deses retos cheguen a bo porto depende do peso político que a Galiza teña ante o Goberno do Estado”, afirmou Pontón, quen nesta nova etapa instou Rueda a mudar “a estratexia supeditada ao PP madrileño” por outra na que, "por riba dos intereses partidistas", defenda os intereses de todos os galegos e as galegas. 

A nacionalista lamentou a “falta dun proxecto de futuro” que, ao seu xuízo, reflicte o novo Goberno. Criticou, neste sentido, que os cambios “obedecen máis aos equilibrios internos do PP que ás necesidades das galegas e dos galegos”. 

"Sen futuro"

Advertiu, ademais, que logo de escoitar o xefe do Executivo na súa sesión de investidura e coñecido agora o Goberno todo indica que o PP “vai persistir nas políticas que supoñen un auténtico lastre para o futuro da Galiza e que nos están facendo perder oportunidades”.

“O empeño en manter un modelo enerxético de espolio eólico, a favor das eléctricas, é un claro exemplo disto”, engadiu.

A portavoz nacional criticou ademais que “lamentabelmente” o Goberno non cumpre en materia de igualdade, posto que non hai paridade entre homes e mulleres. “No Consello da Xunta van sentar 13 persoas e menos de 40% son mulleres", puxo de manifesto.

Comentarios