Onde a oposición ve "improvisación" da Xunta, o PP ve "rapidez"

A oposición denuncia a improvisación da Xunta na toma de decisións de medidas fronte á pandemia. 
O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy (Foto: Arxina)
photo_camera O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy (Foto: Arxina)

O portavoz do Partido Popular no Parlamento galego, Pedro Puy, subliñou esta segunda feira, 2 de novembro, que as decisións adoptadas pola Xunta se toman "con rapidez", sen "improvisación" e con base nas recomendacións do comité clínico que asesora a Administración galega conforme os criterios científicos e a evolución da pandemia.

Así quixo sortear Puy as críticas do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista por anunciar o fechamento das cidades a pasada sexta feira con só dúas horas de antelación e non ditar o confinamento perimetral da Galiza. A oposición recrimina á Xunta entre outras cuestión que a falta de anticipacións no anuncio do feche das cidades prexudicou negocios como restaurantes que xa tiñan o material encargado para a fin de semana. 

"A propia oposición puido comprobar que todos os alcaldes, entre os que hai militantes de ambos os partidos (PSdeG e BNG), apoiaron este tipo de medidas", manifestou Pedro Puy, sen atender a que a crítica non viña polo fechamento das urbes senón por anuncialo tan só cun par de horas de antelación. 

O popular incidiu en que os cidadáns poden "estar seguros" de que as limitacións aprobadas polo Goberno galego "non son improvisadas nin pouco meditadas" senón "guiadas polas circunstancias da pandemia".

Máis Xacobeo 

Mentres, en Pontevedra, a vicesecretaria de Política Social do Partido Popular, Ana Pastor, pediu ao Goberno español que inclúa nos Orzamentos Xerais do Estado "partidas específicas novas para a celebración do Ano Xacobeo", co obxectivo de que se poidan "revitalizar" o turismo e o Camiño de Santiago. 

Nunha visita ao albergue de peregrinos de Pontevedra, Pastor subliñou que o "Xacobeo 2021 é chave non só para o sector do turismo senón tamén para o conxunto da economía na Galiza". 

Ana Pastor destacou a "seguridade" das rutas de peregrinación ao desenvolvérense en lugares abertos, ao ar libre -aínda que obviou as pernoctacións- e lembrou que na Galiza o turismo baixou 30 puntos menos que no resto do Estado. 

A deputada do Partido Popular fai estas declaracións sobre os camiños internacionais cando os Estados veciños como Portugal, Francia, Reino Unido ou Bélxica xa voltaron ao confinamento domiciliario. 

Comentarios