Feixoo desautoriza Baltar e acepta falar co PSOE para a moción de censura en Ourense

O presidente do PP galego e da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegura que os populares estarán "dispostos a falar" se o paso atrás do voceiro socialista, Rafael Villarino, supón que se aparte "de verdade" para facilitar a mudanza do Goberno municipal da terceira cidade do país en poboación. Aliás, asegura que en 2019 ofreceuse ao PSOE que se fixese cargo da Alcaldía por ser a lista máis votada.
Núñez Feixoo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)
photo_camera Núñez Feixoo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)

Manuel Baltar e Alberto Núñez Feixoo defenden posturas contrapostas respecto á moción de censura contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá). O presidente dos populares da Galiza e da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comentou hoxe mesmo que o PP local "está disposto a falar" de levar adiante a estratexia para apear ao rexedor do seu posto, que após a ruptura do pacto de Goberno o ano pasado e uns meses de enfrontamentos internos ten unha equipa de dous concelleiros.

Desta forma Núñez Feixoo vén a desautorizar o comunicado polo presidente provincial onte mesmo. Nun comunicado Baltar fechaba a porta a asinar a moción, polo menos nun futuro inmediato porque as condicións cambiaran con respecto ao ofrecemento que fixeran ao PSOE.

Pero esta terza feira é posíbel negociar se o portavoz do grupo local socialista, Rafael Villarino, vaia "apartarse de verdade" e "en serio" para facilitar unha saída á parálise na que está sumido o concello. Así o recoñeceu o responsábel do Goberno galego en declaracións aos medios.

Porén, pediu a Villarino que vaia un pouco máis alá á hora de explicar "en que consiste a proposta" e se a mesma é "fiábel", pois Baltar onte dubidaba da súa palabra.

"Se apartarse significa gobernar por persoa interposta, isto non é apartarse. Se significa apartarse de verdade e deixar ao grupo municipal socialista en liberdade absoluta e autonomía para falar co PP, entendo que o PP de Ourense está disposto a falar se isto vén en serio", engadiu Núñez Feixoo.

Malia esta man tendida, quixo ir á hemeroteca para asegurar que "hai dous anos, cando se constituíron as corporacións" locais en 2019, a proposta dos populares era "moi sinxela": "Que a Alcaldía de Ourense gobernase a lista máis votada (PSOE) e que a Deputación de Ourense puidese gobernar a lista máis votada (PP)". O non do PSOE causoulle sorpresa por aquel entón.

Mirando de novo cara o pasado, o xefe do PPdeG criticou que Villarino intentase unha "moción de censura" contra Baltar na Deputación. Ante estas declaracións, este último pediu aos populares que non "inventen un novo pretexto" para non rubricar o texto.

Dado que o socialista non entende "que significa gobernar por persoa interposta", reclamou a Feixoo que aclare os termos e incidiu en que a súa postura é seria.

"O Partido Popular puxo unha condición ilexítima que, polo ben da cidade, asumo. Entre Ourense e Jácome elixen Jácome e eu, entre Ourense e Jácome, elixo Ourense", rematou.

Comentarios