O PSdeG reprende a Consellaría do Mar por non executar 50% do orzamento

O Parlamento aprobou só cos votos do PP unha proposta sobre a mexilla.
A concelleira burelá e secretaria provincial do PSdeG, Patricia Otero, lidera a lista do PSdeG por Lugo. (1)
photo_camera Patricia Otero

A deputada do PSdeG na Cámara galega Patricia Otero denunciou onte na comisión parlamentaria de Pesca que a Xunta fai unha execución “totalmente lamentábel” das partidas orzamentarias que non chega nin sequera “a 50% da xestión dos créditos vixentes”. 

Otero expuxo diferentes datos orzamentarios deste departamento desde 2011 e que indicarían, afirmou, que as execucións dos presupostos da Consellaría non chegan nin á metade das cantidades “que o Goberno decide". E engadiu: “Estas cifras deberían pórlle a cara vermella á conselleira”. Advertiu Otero, en referencia ás contas de 2022, que se 80% das devanditas partidas son fondos europeos, os cartos non executados terán que ser devoltos ao final deste ano e que tendo este grao de execución tan baixo non é comprensíbel como o Goberno galego se mostra “tan satisfeito coa súa xestión”. A parlamentaria instou a Administración a “deixarse de anuncios e slogans” e a demostrar "un maior grao de compromiso co sector pesqueiro que tanto o necesita”. 

Acusou a conselleira, Rosa Quintana, de ter uns “obxectivos mediocres” e de escusarse na rixidez dos Fondos Europeos Marítimos e de Pesca para non render contas.

Mexilla

A comisión parlamentaria de Pesca aprobou onte cos votos en solitario do PP e a oposición do BNG e do PSdeG unha proposición non de lei pedindo á Xunta que continúe coas súas "medidas" para atopar solucións ao conflito que enfronta bateeiros e percebeiros. Tanto nacionalistas como socialistas reprocharon á Xunta que manteña a este respecto unha actuación "que non resolve o problema". 

Comentarios