O PSdeG exixe a inclusión da materia de educación sexual nos currículos educativos

Noa Díaz pide á Xunta da Galiza actuar ante o aumento dos casos de violencia machista

A deputada do Partido Socialista Noa Díaz. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do Partido Socialista Noa Díaz. (Foto: Nós Diario)

A deputada do PSdeG no Parlamento da Galiza, Noa Díaz, exixiu esta terza feira, 22 de agosto, ao Executivo galego que actúe ante o aumento dos casos de agresións sexuais grupais a menores deste verán na Galiza. A parlamentaria emprazou ao Goberno galego a incluír nos currículos educativos materias sobre educación afectivo-sexual como reacción ante o incremento de casos en menores.

A deputada socialista presentou unha batería de iniciativas para instar a Xunta da Galiza a tomar medidas urxentes en materia de violencia contra as mulleres, especialmente centradas en reforzar o ámbito educativo e familiar. Díaz considera unha escalada de violencia machista sen precedentes ante a que necesitamos “un maior compromiso a curto, medio e longo prazo” por parte da Xunta.

Segundo a memoria anual da actividade xudicial dos tribunais e xulgados galegos, as audiencias galegas xulgaron en 2022 dúas persoas á semana por delitos sexuais, e 65,6% das denunciantes eran menores de idade.

A parlamentaria puxo en valor as medidas que conforman a Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, que no capítulo I de Medidas incorpora a prevención e sensibilización no ámbito educativo e que a Xunta “debería incorporar con medidas de actuación ante o escenario que nos deixa este verán na Galiza”.

Este incremento de agresións grupais a menores preocupa especialmente a Díaz, quen destaca que son “necesarias” reaccións dende a coeducación, e cumprir a lexislación coa introdución da educación afectivo-sexual nos currículos, adaptada a cada etapa madurativa e co uso axeitado das novas tecnoloxías.

“Falta de información”

A socialista puxo de relevancia que o criterio experto sinala “a falta de formación en materia sexual e o libre acceso a contidos pornográficos desde idades temperás como causas que explican en certo modo o incremento de violencia sexual entre a mocidade”.

En concreto, na batería de iniciativas presentada por Díaz, reclama á Xunta que se reforce a prevención e a educación a través da introdución de materias sobre educación sexual nos currículos educativos. Neste senso, Noa Díaz incide na importancia de diferenciar entre os distintos públicos e impactos cos distintos grupos de idade.

A deputada afondou na importancia de formar e educar sobre os perigos que comportan os contidos dixitais de violencia sexual como na “necesidade de coñecer os nosos corpos e aprender a respectalos, o que deberían formar parte da estratexia de loita fronte as violencias contra as mulleres”.

Comentarios