Álvarez exixe 'autocrítica' á Xunta polo feche de aulas no rural

O PSdeG critica a "parálise" do Goberno galego
Luís Álvarez, portavoz do PSdeG no Parlamento da Galiza, esta segunda feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Luís Álvarez, portavoz do PSdeG no Parlamento da Galiza, esta segunda feira. (Foto: Arxina)

O voceiro do Grupo Socialista no Parlamento galego, Luís Álvarez, denunciou esta segunda feira, 21 de agosto, os datos "extremadamente preocupantes" publicados a pasada sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), que anunciaban unha redución de 60 unidades escolares de educación infantil e primaria con respecto ao ano pasado.

Álvarez reprobou que a Xunta da Galiza non faga "a máis mínima análise nin autocrítica" das súas responsabilidades con respecto ao reto demográfico, o que é unha "grave consecuencia do desmantelamento educativo do rural". 

O voceiro do PSdeG no Parlamento galego advertiu da pouca marxe de reacción para os representantes dos centros educativos que o Goberno galego lles dá ao publicar unha orde que afecta a un curso que comeza en menos dun mes do seu anuncio. Engadiu, ademais, que a Administración fala de crise demográfica para xustificar estes recortes sen facer cambios para mellorar a situación de despoboamento do rural, "que é o principal afectado". 

Álvarez acusou a Xunta de desasistir as políticas públicas para que resulte atractivo vivir no rural, sen cambios nin análises dos problemas educativos, sanitarios ou de políticas sociais aos que se enfronta unha parte tan importante do noso territorio. 

"Parálise absoluta"

O socialista denunciou os "recortes inxustos" en servizos sanitarios ou o déficit de prazas de residencias para persoas maiores nos concellos rurais que "agravian os datos de abandono demográfico".

Xunto a isto, Álvarez alertou da "parálise absoluta" que padece a Xunta nos últimos meses, "limitando a súa función a manter a xestión, como se o que se fai fora suficiente cando todos sabemos que é absolutamente deficitarias”, dixo.

Luís Álvarez apuntou que as políticas que o Goberno galego está levando a cabo quebran de forma sistemática a igualdade de oportunidades entre alumnado de ámbitos urbanos e semiurbanos e de ámbitos rurais. Estas diferencias reducen as posibilidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, como por exemplo estudantes que precisen pedagoxía terapéutica, de audición ou linguaxe ou desdobres para atendelos en boas condicións.

 

Comentarios