Política

PSdeG, BNG e Galicia en Común chaman a rematar coa precarización do emprego e a defender o público no Primero de Maio

As socialistas ven necesario un modelo produtivo máis social, as nacionalistas aseguran que hai que "derrogar as reformas laborais" e desde a coalición Galicia en Común-Anova defenden que se fortaleza o sector público. 
Gonzalo Caballero (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e Antón Gómez-Reino (GeC).
photo_camera Gonzalo Caballero (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e Antón Gómez-Reino (GeC).

Os principais partidos da oposición galega celebran este Primeiro de Maio, atípico pola excepcionalidade que marca a crise do coronavirus, con mensaxes que apostan pola igualdade nos dereitos das traballadoras e pola defensa do público nun contexto político complexo pola cancelación dunhas eleccións que fican sen data

O líder da oposición, o socialista Gonzalo Caballero salientou que "neste momento de crise económica e social, é máis necesario que nunca defender os dereitos das traballadoras, un modelo produtivo acorde aos dereitos sociais e o estado do benestar".

O secretario xeral do PSdeG reivindicou "un emprego de calidade, digno e estábel" para todas e centrou os seus esforzos nas mulleres traballadoras que "sofren unha fenda salarial que evidencia a desigualdade" que aínda existe.

"Derrogar as reformas laborais"

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxe "derrogar as reformas laborais" que precarizan o emprego. Neste contexto marcado por unha crise sanitaria aparellada a unha grande crise social e económica, a nacionalista ve necesario pór en marcha "un gran acordo de país" para saír da crise "cunha alternativa económica que aposte por crear emprego de calidade".

Pontón sinalou que "o emprego máis precarizado" foi o máis importante para enfrontar a crise e que "a maior parte dese emprego é ocupado por mulleres no ámbito sanitario, nos supermercados ou no ámbito da limpeza e dos coidados". A "urxencia" de rematar con esta precariedade, explicitou, debe centrar "todos os grandes acordos". "Hai que traballar nunha alternativa social para superar a crise do coronavirus e facelo  confiando e apostando polas posibilidades e potencialidades que ten a Galiza", afirmou.

"Fortalecer o público"

Pola súa banda, o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, chamou a sociedade galega a construír "un futuro mellor" e a empregar todas as ferramentas do Estado e do Goberno galego para "fortalecer o público como protección igualitaria para todas". "Afrontemos unidas a necesidade dun modo de produción e de existencia máis humano, rematemos coa precariedade como forma de vida e explotación, e preocupémonos de coidar de quen nos coida", manifestou neste Primeiro de Maio.

Gómez-Reino lembrou ás miles de familias traballadoras e autónomas galegas "que non poden ir traballar porque a epidemia obrigou a fechar grandes e pequenas empresas e negocios". "Defendemos o valor do público porque é a única garantía de que ningunha delas queda atrás", aseverou.

Máis en POLÍTICA
Comentarios