Política

BNG defende no Congreso unha saída "social e xusta" da crise pola pandemia do coronavirus

Néstor Rego avoga por "recuperar" o fondo de rescate bancario, reducir o gasto militar, impostos ás grandes fortunas e nacionalizar as empresas de sectores estratéxicos.
Néstor Rego no Congreso (BNG).
photo_camera Néstor Rego no Congreso (BNG).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, por medio dunha Interpelación urxente á Vicepresidenta terceira e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, reclamou esta cuarta feira que o Goberno expoña as medidas previstas para "garantir unha saída social e xusta" á crise económica trala pandemia da COVID-19.

Néstor Rego insistiu en que "a crise social e económica desatada por esta emerxencia sanitaria non a poden pagar outra vez as mesmas, as traballadoras e os pobos". Neste sentido, sinalou que existen dúas alternativas para obter e mobilizar os recursos económicos e financeiros necesarios para saír desta crise: "quitarllo aos que menos teñen pola vía de recortes, redución de salarios e prestacións sociais, privatización de servizos públicos, socialización de perdas de grandes empresas… Ou que os poña quen máis ten".

O deputado evidencia unha "ausencia de propostas de futuro" por parte do Goberno do Estado e propón unha serie de medidas entre as que salienta "recuperar a totalidade do diñeiro do fondo de rescate bancario". Rego lembra que "máis de 60.000 millóns de euros en recapitalización dos bancos" non foron devoltos e que "sumando o total das axudas entre activos tóxicos, garantías e outras medidas de liquidez, superaron os 186.000 millóns de euros".

Reforma fiscal e nacionalización de empresas

Na mesma liña, o nacionalista defende unha "profunda" reforma tributaria "para implantar unha política fiscal realmente progresiva e redistributiva", en definitiva, "para garantir unha maior xustiza tributaria". Unha medida que tamén implique "estabelecer un imposto ás grandes fortunas e empresas, como xa está en debate noutros países como Arxentina ou Italia".

Así, aposta pola nacionalización das grandes corporacións nos sectores estratéxicos da economía, empezando polas que xa foron públicas e "nunca deberon ser privatizadas". "Non estamos falando de nacionalizacións temporais, eufemismo co que se envolve e adorna a vella receita neoliberal de privatizar as ganancias mais socializar as perdas", matiza.

Como exemplo, Rego referiuse á previsión do Goberno de estabelecer "axudas" á compañía Iberia, polo que preguntou á Vicepresidenta en que condicións se fará: "Controlará o Estado a aeroliña ou simplemente se dedicarán recursos públicos esenciais para impulsar a protección social e a economía produtiva a resolver os problemas dunha empresa privada?". Mentres, avogou polo "control público" das empresas nacionalizadas.

Por outra banda, reclama unha redución urxente do gasto militar. Segundo explicou, en 2019 o Estado gastou máis de 20.000 millóns de euros neste ámbito. Rego cuestionou as prioridades deste Goberno e preguntou como "explicarán á maioría social, ás clases populares golpeadas por esta crise, que primeiro van os tanques que os salarios ou as pensións dignas e comida na mesa".

O representante do BNG na Cámara estatal ve "urxente" modificar o actual sistema de financiamento autonómico, que cualifica como "gravemente lesivo para os intereses da Galiza", para "implantar un modelo de concerto económico" baseado en que Galiza recada todos os impostos e teña a capacidade para decidir o destino que lles corresponde.

"A solución aos problemas sociais e económicos da Galiza non vai vir de Madrid", asegurou Rego. "Se queremos capacidade para decidir é precisamente para poder non só reconstruír, senón construír unha sociedade nova, xusta, igualitaria e libre", engadiu. 

Comentarios