Análise

A proposta ideolóxica de Feixoo, en coiros

Atendendo ás últimas decisións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pódese facer a lectura de que as súas políticas responden a unha recoñecíbel orientación de clase.
O presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla, Núñez Feixoo, Sánchez Galán e o presidente da patronal española, Antonio Garamendi. (Foto: Xunta da Galiza) #fontenla #feixoo #sánchezgalán #garamendi #pp #ppdeg
photo_camera O presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla, Núñez Feixoo, Sánchez Galán e o presidente da patronal española, Antonio Garamendi. (Foto: Xunta da Galiza)

Mentres o prezo da luz está disparado e rexistra día tras día máximos históricos, o presidente galego marcha de vacacións e renuncia a recuperar as centrais hidráulicas con concesións caducadas, como base para pór en marcha unha empresa eléctrica pública que alivie os custos enerxéticos de particulares e empresas. Unha proposta deste tipo, na liña da formulada desde as organización sociais e políticas do nacionalismo e da esquerda, mais tamén desde o Ministerio de Transición Ecolóxica, implica unha mellora significativa na competitividade do tecido produtivo galego e no poder adquisitivo das economías domésticas, mais reduce a marxe de beneficios das grandes compañías eléctricas. E iso non é tolerábel para un presidente que chega ao Goberno galego en 2009 empuxado por estas mesmas empresas.

As políticas de Alberto Núñez Feixoo responden a unha recoñecíbel orientación de clase. A este respecto, resultan clarificadoras as alternativas aplicadas no ámbito dos servizos públicos, sometidos a fortes retallos na última década, como certifica a situación da sanidade e da educación. 

Da Atención Primaria ao modelo residencial

Un exemplo paradigmático obsérvase na Atención Primaria, fechada parcialmente ao conxunto da cidadanía, sometida a listas de agarda de semanas, mesmo nas consultas telefónicas, e cuns cadros de persoal insuficientes para atender as persoas usuarias. A situación explícase pola deliberada redución do gasto sanitario nos orzamentos do Goberno galego, até o punto de que o investimento en Atención Primaria da Xunta sitúase en 182,3 euros por habitante, unha contía que coloca Galiza á cola do Estado, só por diante de Madrid e as Illes Balears.

A aposta por manter e avanzar nun modelo asistencial de atención ás persoas maiores de xestión privada, malia concentrar as residencias deste tipo máis de 87% das vítimas mortais durante a pandemia do coronavirus, responde á vontade de aumentar a marxe de beneficios dos conglomerados empresariais, reducindo a cidadanía e as diferentes esferas da vida social á consideración de mercadoría. Neste sentido, a acción gobernamental redúcese a crear condicións propicias para favorecer os negocios dos grandes operadores privados, actuando o corpo teórico como un discurso de acompañamento dos intereses económicos aos que se representa.

Do lado de Ence

O presidente galego non falla aos seus e actúa en consecuencia. Así, por exemplo, non dúbida en situarse a carón de dirección de Ence, comprometendo o futuro laboral dos seus traballadores, xerando un importante quebranto á actividade económica de Pontevedra e favorecendo a quebra da convivencia social na cidade.

Na mesma liña, unido nunha alianza a proba de lume coas grandes corporacións enerxéticas, ten aprobado nos últimos cinco anos varias modificacións lexislativas para favorecer as instalacións eólicas e hidráulicas, acudindo o pasado 24 de xullo a unha homenaxe ao presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, tras ser imputado este por participar das tramas delituosas do comisario Villarejo.

Gardián da ortodoxia recollida nos manuais da Fundación de Análises de Estudos Sociais (FAES) de Aznar, Alberto Núñez Feixoo sabe que só a defensa sen concesións dos intereses dos destinatarios do seu proxecto e a hexemonía ideolóxica garante maiorías electorais alén de conxunturas determinadas.

Comentarios