Feixoo sucédese a si mesmo nun congreso do PP marcado pola continuidade

A primeira xornada do congreso dos populares galegos respondeu ao guión previsto. Acompañado polos principais dirixentes estatais do partido e coa presidente madrileña Díaz Ayuso como estrela convidada, Núñez Feixoo non defraudou aos seus en espera dunha xornada de clausura coa presenza de Casado e Raxoi.  
Feixoo canda Isabel Díaz Ayuso e outros líderes rexionais (Foto: Nós Diario)
photo_camera Feixoo canda Isabel Díaz Ayuso e outros líderes rexionais (Foto: Nós Diario).

As orientacións do 17 Congreso dos populares galegos ficaron marcadas após os comicios madrileños de maio. Os resultados electorais de Díaz Ayuso e as novas tendencias electorais recollidas nos inquéritos, como consecuencia do retorno do votante de Ciudadanos ao Partido Popular, blindaron Casado como candidato da formación e deixaron Feixoo sen posibilidades de saltar a Madrid para liderar o partido no Estado. A partir de aí, o mandatario galego veuse obrigado a mudar de guión e aferrarse ao PP galego para continuar na primeira liña da vida pública.

O conclave dos populares foi pensado para garantirlle a Feixoo todo o control da formación na Galiza e prepararlle o camiño para unha nova candidatura á presidencia da Xunta. A este respecto, as fontes populares consultadas por Nós Diario deron por feito que Feixoo esgotará á lexislatura e amosáronse seguras que en función das posibilidades de éxito repetiría  en 2024. Nesta operación, o presidente contaría co apoio dos principais dirixentes do partido, convencidos de que o mandatario galego é o maior activo electoral da formación.  

Unha nova dirección

A primeira xornada do congreso, que iniciou onte, sexta feira 16 de xullo, explicouse nese esquema. A mecánica de debate dos relatorios e o feito de adiantar, contra o criterio tradicional, á primeira sesión a presentación da nova equipa de dirección respondeu á intención de Feixoo de centrar toda a atención na súa persoa, moi particularmente no acto de clausura a celebrar na mañá do sábado. A decisión de apurar o nomeamento de Miguel Tellado como secretario xeral do partido enmarcouse na mesma lóxica, fundamentalmente cando nos últimos días algúns rumores apuntaron a un cambio na responsabilidade, colocando a algunha muller á fronte da mesma.

A continuidade marcou a composición da nova dirección da formación. Neste sentido, Feixoo apostou por persoas que xa viñeron formando parte da súa equipa nos últimos anos, coa intención de non provocar distorsións en relación cos obxectivos do plenario. Nesta liña, as fontes consultadas por Nós Diario coincidiron en destacar que “é unha executiva coa pegada exclusiva de Feixoo sen ningunha concesión ás direccións provinciais do partido”

A discusión das teses non deparou ningunha sorpresa. A primeira delas, titulada Os retos dunha Galiza que quere máis emprego e menos impostos estivo coordinada polo deputado e previsíbel candidato do PP en Compostela, Borja Verea, a quen a súa condición de aforado impediu rematar imputado, canda Angel Tahoces e Justo de Benito na causa pola mina de Varilongo. A segunda, dirixida pola delegada da Xunta en Vigo e persoa de confianza de Alfonso Rueda, Marta Fernández-Tapias, analizou o escenario criado pola pandemia e o modelo de servizos públicos na Galiza. O último dos relatorios, a cargo de Paula Prado e denominado Un partido aberto,accesíbel e participativo  significou unha actualización dos estatutos do partido.

Feixoo controlará directamente as eleccións municipais

As vindeiras eleccións locais pairaron sobre o conclave dos populares.Así, as teses aprobaron a creación dun Comité de acción municipal, como “órgano de coordinación e asesoramento do Partido Popular da Galiza en todos os asuntos relativos ás políticas locais”. O mesmo estará formado polo presidente do PPdeG, o secretario xeral, os presidentes e portavoces nas Deputacións e os alcaldes ou voceiros do partido naquelas localidades de máis 10.000 habitantes. A súa posta en marcha foi interpretado como unha mostra da vontade de Feixoo de controlar directamente a campaña das municipais e de impor os seus candidatos por riba dos aparatos provinciais, agás en Ourense, onde o peso de Baltar impídello.

A nova estrutura aprobada polo PP excluíu da dirección da campaña das municipais aos órganos provinciais do partido. Tradicionalmente o peso destes procesos así como a conformación das candidaturas recaeu nos comités provinciais porén coa formula adoptada ficarán fóra do máximo órgano de dirección neste ámbito os presidentes do PP na Coruña, Lugo e Pontevedra, facendo parte do mesmo o responsábel da formación en Ourense, José Manuel Baltar, na súa condición de mandatario da Deputación.

A sesión de clausura do congreso contará coa presenza de Pablo Casado, Alberto Núñez Feixoo e Mariano Raxoi. A intervención do anterior presidente do Goberno do Estado é unha das cuestións que máis sorprendido entre a dirección estatal do partido e os analistas políticos, unha vez que o nome do ex mandatario do Executivo está presente nas diversas investigacións xudiciais abertas con motivo da operación Kitchen.

Ayuso, a estrela convidada do congreso

A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso foi a única persoa que restou protagonismo a Feixoo neste primeiro día de congreso. Malia que os populares galegos contaron na sesión de apertura con 10 dirixentes territoriais, entre eles os mandatarios de Andalucía e Castela-León, Juan Manuel Moreno e Alfonso Mañueco, así como co secretario xeral da formación, Teodoro García Egea, ningunha intervención espertou tanto interese entre os presentes como a da dirixente madrileña.

Segundo indicaron diferentes xornais da capital do Estado do espazo da dereita, como Vozpopuli, a presenza de Ayuso requiriuna directamente Núñez Feixoo, quen conversou coa mandataria madrileña para que o acompañara neste congreso. Sexa como for, Ayuso converteuse na auténtica estrela convidada do plenario, cunha intervención que non defraudou os compromisarios.

Comentarios