Imputan Sánchez Galán polos encargos de Iberdrola ao ex comisario Villarejo

Acúsano de suborno activo e falsidade en documento mercantil.
Ignacio Sánchez Galán é o presidente executivo da empresa do sector enerxético Iberdrola. (Foto: María José López / Europa Press) #iberdrola #acusación #ignaciosánchezgalán #villarejo #suborno #falsedadedocumental
photo_camera Ignacio Sánchez Galán é o presidente executivo da empresa do sector enerxético Iberdrola. (Foto: María José López / Europa Press)

O presidente executivo de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, vén de ser imputado, canda outros tres directivos da compañía, por delitos continuados de suborno activo, contra a intimidade das persoas e falsidade en documento mercantil. A eléctrica é outra empresa máis do IBEX que contratou os servizos do policía acusado de organización criminal, suborno e branqueo de capitais José Manuel Villarejo.

Sánchez Galán declarará como imputado no caso Villarejo por orde do xuíz Manuel García-Castelló, que hoxe emitiu un auto no que fixo propio o informe da Fiscalía Anticorrupción que solicitaba a comparecencia como investigado do directivo e de boa parte da cúpula da compañía. Así, canda Galán, deberán presentarse no xulgado Francisco Martínez Córcoles, actual número dous de Iberdrola, Fernando Becker, antigo conselleiro do PP en Castela e León e ex delegado da eléctrica no Estado, e Rafael  Orbegozo, xefe do gabinete da Presidencia da compañía até 2017. 

Galán deberá responder pola contratación irregular do ex comisario Villarejo para investigar políticos, xuíces, empregados, competidores como Manuel Pizarro, antigo presidente de Endesa, e accionistas como Florentino Pérez, que chegou a ter o 20% de Iberdrola a través de ACS. Ao tempo, verase obrigado a testemuñar sobre unha trama de facturas falsas para pagar os servizos do policía, unha vez que o xefe de seguridade da compañía, Antonio Asenjo, recoñecera diante da Fiscalía a manipulación dos conceptos de facturas aboadas á empresa de Villarejo.

O auto do xuíz sinala que “fica deste xeito indiciariamente acreditado que os servizos non se prestaron nos termos expresados nas facturas, senón que, pola contra, para tratar de agochar os traballos realizados, procedeuse á manipulación dos seus conceptos”. O escrito de García-Castellón denuncia a actuación da auditora de Iberdrola, Pricewaterhouse, para agochar os feitos, indicando que “malia non ser localizada nin pola unidade de cumprimento do Grupo Iberdrola nin por Pricewaterhouse, a execución destes traballos xerou unha gran cantidade de documentos e informes que foron intervidos no domicilio do investigado Rafael Redondo Rodríguez, vinculado ao Grupo Cenyt, xunto ao investigado José Manuel Villarejo”.

A longa sombra da corrupción

A sombra da corrupción acompaña a xestión de Sánchez Galán en Iberdrola desde hai anos. En abril de 2015, a Axencia Tributaria denunciara ante a Fiscalía Anticorrupción unha suposta rede de comisións de Iberdrola e outras eléctricas a políticos e altos cargos de Castela e León, todos pertencentes ao Partido Popular (PP) por un valor estimado en 110 millóns de euros para a autorización rápida de parques eólicos nesa comunidade. Nesta investigación, demostrouse que Alberto Esgueva, antigo conselleiro delegado da empresa pública Excal SA creou unha sociedade xunto a unha filial de Iberdrola con 24.400 euros, participación mercada só dous anos despois por Iberdrola por 13,5 millóns de euros. Segundo Facenda, Esgueva recibiu en diversos conceptos da eléctrica presidida por Galán 47,1 millóns de euros.

Iberdrola foi tamén unha das eléctricas sancionadas en novembro de 2015 pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia por manipular o prezo da enerxía eléctrica en 2013. Segundo a resolución do organismo regulador, a compañía  manipulou fraudulentamente o mercado mediante incrementos do prezo da oferta das centrais hidráulicas dos ríos Douro, Sil e Texo, entre o 30 de novembro de 2013 e o 23 de decembro de 2013.

Ao tempo, a empresa foi denunciada polos seus competidores de trato de favor gobernamental, significándose a presenza no seu consello de administración de antigos dirixentes do PP, como o ministro de Interior de Aznar, Ángel Acebes. A proximidade de Sánchez Galán e o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, é coñecida. O directivo da eléctrica chegou a participar no primeiro de acto de investidura de Feixoo como xefe do Executivo galego. Actualmente, Iberdrola é o primeiro operador eólico da Galiza e ten anunciado importantes investimentos no ámbito da eólica mariña e da produción do hidróxeno.

Comentarios