Análise

O malestar con Candia divide o PP de Lugo

As estruturas provinciais do PPdeG renovarán os seus órganos de dirección en setembro, nunhas citas congresuais nas que están previstas as reeleccións de Diego Calvo, Alfonso Rueda, José Manuel Baltar e Elena Candia.
Elena Candia presentando a súa candidatura á presidencia do PP de Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Elena Candia presentando a súa candidatura á presidencia do PP de Lugo. (Foto: Nós Diario)

As estruturas provinciais do Partido Popular da Galiza renovarán os seus órganos de dirección na segunda e terceira semana de setembro, nuns congresos onde serán reelixidos Diego Calvo, Elena Candia, Alfonso Rueda e José Manuel Baltar. Malia a aparente unanimidade dos conclaves, marcados pola ausencia de listas alternativas, o malestar entre parte da afiliación popular é evidente. Se diferentes alcaldes ourensáns se queixan da falla de atención de Baltar ás demandas dos seus concellos, a maioría dos militantes vigueses critican o liderado de Rueda e o excesivo peso da agrupación pontevedresa. O descontento tamén aniña nas comarcas coruñesas cos métodos de dirección do equipo de Calvo, pero en ningúns destes territorios a desafección é tan grande como en Lugo.

Elena Candia continuará como presidenta do PP en Lugo durante catro anos máis, pero co partido fendido. A antiga alcaldesa de Mondoñedo e actual parlamentaria no Hórreo chegou á xefatura dos populares lugueses en 2016, tras derrotar no congreso a candidata de Feixoo, a deputada Raquel Arias, grazas ao apoio do senador José Manuel Barreiro e do parlamentario José Manuel Balseiro, home forte do aparato do partido e patrocinador da candidatura.

Precisamente, a sintonía política entre Balseiro e Candia deteriorouse de maneira progresiva nos últimos anos, introducindo novos elementos de tensión no partido e reducindo a base de apoio interno á presidenta dos populares lugueses. Sexa cal for a causa real desta ruptura, a afiliación do PP, maioritariamente, achácaa a unha loita polo poder entre ambos e desbota motivacións de tipo ideolóxico.

O malestar dunha parte dos alcaldes con Candia é evidente. Malia que os rexedores do PP de Lugo, agás José Ángel Santos de Friol, adoitan falar das cuestións orgánicas pola boca pena, as críticas a Candia repítense nos grupos municipais e nos comités locais de norte a sur da circunscrición.

Os próximos á presidenta restan importancia ás mesmas e responsabilizan destas opinións as xentes de Balseiro e, en menor medida, os afíns a Raquel Arias. Mais algúns dirixentes doutras familias do partido acusan Candia de falla de atención ás demandas dos concellos e das agrupacións locais e de dividir a formación. “Elena ve pantasmas onde non os hai”, sinala un veterano do PP preocupado pola crispación interna, pero satisfeito pola decisión de Candia de integrar Balseiro na nova dirección.

A proba definitiva para Candia serán as eleccións locais de 2023. O PP chega ás mesmas tras recoller en 2019 os peores resultados na circunscrición desde os comicios de 1979 e co seu poder local reducido a mínimos, após ser apartado nos últimos procesos do Goberno da Deputación e dos principais núcleos de poboación.

Neste escenario, o grupo de dirección dá por feito un avance nas eleccións, se ben considera moi complicado recuperar a Deputación, a alcaldía de Lugo ou o Goberno de vilas como Monforte e Viveiro. Afiliación popular considera que Candia está diante do seu último mandato como presidenta do PP e que o futuro do partido pasa por outros nomes, como o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, ou o portavoz na Deputación, Javier Castiñeira.

Comentarios