domingo 19/09/21

O PP teima en responsabilizar a Lores das accións violentas do persoal de Ence

Lores acusa a Feixoo e ao PP de "incitar a violencia", despois de 'mentir' durante anos os traballadores de Ence dicíndolles que se podería manter a empresa no mesmo enclave. Para o PP, a violencia é culpa de Lores por recorrer a prórroga de Raxoi, que a Audiencia Nacional tumbou.
Traballadores de Ence protestan durante a lectura do pregón das Festas da Peregrina. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Traballadores de Ence protestan durante a lectura do pregón das Festas da Peregrina. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

O Partido Popular (PP) reaccionou esta segunda feira ás palabras de Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), alcalde de Pontevedra, nas que acusaba Alberto Núñez Feixoo e a formación conservadora de “incitar a violencia” por "mentir reiteradamente" aos traballadores de Ence, “tentando convencelos de que podían seguir alí”.

O voceiro do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez -que avalara a presenza dos seus edís co persoal de Ence no pregón das festas da Peregrina, cuestionou o alcalde pontevedrés porque, segundo reiterou, é Lores quen incita a violencia por interpoñer o Concello un recurso contra a prórroga de Mariano Raxoi para a permanencia de Ence na ría de Pontevedra.

Para el, Lores “é o único responsábel” da decisión da Audiencia Nacional, que anulou o mes pasado a prórroga concedida por Raxoi até 2073 cando o Goberno estatal que encabezaba se atopaba en funcións, “se alguén incita a violencia é quen puxo na rúa a 500 persoas cun recurso co que sabía que esas familias ían ir a rúa”, reiterou o voceiro municipal.

O pasado domingo, Lores explicou que “hai responsábeis políticos” detrás da “radicalización clara na protesta” e instou a Feixoo e o PP a "pedir perdón" e, ademais, comentou que a Fiscalía "debería" actuar de oficio "porque se está insultando a cargos políticos en sitios públicos".

Enganos manifestos por parte do PP

"Durante décadas estivemos falando de que había que buscar unha nova localización, e durante todo este tempo tentáronse saltar as competencias, con enganos manifestos por parte do PP e da empresa, tentando convencer de que podían seguir alí", asegurou Lores.

O titular da Alcaldía tamén criticou o papel da dirección de Ence, da que dixo que goza de "dereito de pernada industrial". "Non hai ningunha empresa coas facilidades que ten Ence. Non pagan nin o canon da auga", criticou.

"Non se pode dialogar cunha empresa que di que non se pode trasladar. Negan a maior e así, que diálogo te queda?", comentou o alcalde da cidade sobre as conversacións con Ence.

Nas declaraciones remitidas aos medios de comunicación, Dominguez pediu a Lores que "retire eses comentarios". 

comentarios