O presidente da Deputación de Lugo reúnese con Altri e Ulloa Viva: "Fibras téxtiles si, celulosa tipo Ence non"

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé (PSdeG-PSOE), mantivo esta terza feira unha reunión con responsábeis da empresa portuguesa Altri, por unha parte, e con membros da plataforma Ulloa Viva, pola outra.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o deputado de Promoción Económica, Pablo Rivera, reúnense con José Soares de Pina e Carlos Vanzeller, de Altri (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o deputado de Promoción Económica, Pablo Rivera, reúnense con José Soares de Pina e Carlos Vanzeller, de Altri (Foto: Deputación de Lugo).

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé (PSdeG-PSOE), mantivo esta terza feira dúas reunións con responsábeis da empresa portuguesa Altri e con membros da plataforma Ulloa Viva para trasladarlles a ambos de primeira man a súa postura sobre a planta que promove a compañía en Palas de Rei (A Ulloa): "Fibras téxtiles si, celulosa tipo Ence non".

O encontro cos directivos de Altri produciuse tras a petición da propia empresa a raíz do pronunciamento do pleno da Deputación de Lugo en contra do seu proxecto industrial, cos votos da maioría do Goberno (PSdeG e BNG).

Así, José Tomé, xunto co deputado da área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, reuniuse co CEO da empresa, José Soares de Pina, e o vicepresidente executivo, Carlos Vanzeller, por un lado; así como con dous representantes de Ulloa Viva, Marta Gontá e José Adrián Gallero, polo outro.

En ambos os casos, segundo informou a Deputación de Lugo, o presidente defendeu a necesidade de atraer industrias, "sobre todo no interior, porque iso supón a xeración de riqueza e de emprego e, por tanto, axuda a fixar poboación no territorio e frear a caída demográfica".

De feito, Tomé lembrou que leva anos exixindo á Xunta da Galiza, "que é a que ten as competencias" en industria, que faga un plan específico "para toda a Galiza", porque "a día de hoxe non ten ningún plan industrial, nin bo, nin malo, nin regular".

Con todo, o presidente da Deputación recalcou que a industria debe ser "respectuosa co medio ambiente, sostíbel, que promova as enerxías limpas, que aproveite o potencial do territorio e lle dea valor, e non que o dane ou que prexudique a outros sectores produtivos que son capitais para a nosa economía e para a vida no rural".

Por isto mesmo, afirmou apostar por unha fábrica que empregue fibras téxtiles e rexeitou que o complexo poida contar cunha celulosa "tipo Ence". Así mesmo, exixiu á Xunta "máis claridade e menos partidismo" neste asunto.

"Esperamos que emita todos os informes ambientais necesarios sobre o proxecto para fixar a nosa postura definitiva como institución e que se comprometa a vixiar que as actuacións se van a desenvolver de maneira respectuosa e cumprindo coa lexislación", recalcou o mandatario socialista.

Comentarios