O PP vota contra o rexeitamento aos "discursos negacionistas" da violencia machista

O PSdeG non aceptou unha emenda do PP que eliminaba unha mención velada aos seus pactos con Vox e retiraba a expresión "violencia machista"

A deputada do PP Paula Prado, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do PP Paula Prado, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O PP galego votou esta terza feira en contra dunha iniciativa que pedía que o Parlamento galego expresara o seu rexeitamento aos "discursos negacionistas" da violencia machista despois de que o PSdeG non aceptara eliminar do texto orixinal unha mención velada aos pactos dos populares con Vox.

En concreto, a proposición presentada esta terza feira polos socialistas no pleno da Cámara galega expuña no seu primeiro punto que o Lexislativo expresara a súa oposición “ás posturas e discursos negacionistas" da violencia machista, así como a "Gobernos e pactos de goberno que impliquen estes discursos e amparen a forzas políticas que os promovan".

Os populares presentaron unha emenda á iniciativa defendida pola deputada Noa Díaz na que cambiaban este primeiro parágrafo da iniciativa para eliminar a mención aos Gobernos e pactos de goberno, ademais de substituír a expresión "violencia machista" por "violencia de xénero", á que engadían o recoñecemento da "existencia dun substrato machista na sociedade contra o que é necesario loitar mediante políticas públicas con perspectiva feminista".

Á hora das votacións, o grupo socialista aceptou a inclusión da emenda a este primeiro punto pero como engadido ao texto orixinal, que non se abriron a substituír pola dos populares, que unicamente aceptaban a transacción das dúas proposicións. Ante a falta de acordo, o texto orixinal do PSdeG foi sometido a votación, sendo rexeitado pola maioría absoluta do Grupo Popular.

A relación do PP con Vox

Todo iso nun debate no que os pactos de goberno do PP con Vox entraron no hemiciclo, críticas rebatidas pola viceportavoz parlamentaria dos populares, Paula Prado, que reiterou que o PP "non acepta leccións" das forzas políticas "que permitiron que hoxe haxa nas rúas máis de 100 agresores sexuais" pola aplicación da Lei do 'só si é si'. "Iso non hai estratexia de 'pinkwashing' que o esconda", apostilou.

Prado, que afirmou que a Lei de garantía integral da liberdade sexual foi "a máis lesiva da historia para os dereitos das mulleres", cualificou de "ideolóxica" a iniciativa traída a debate esta terza feira polo grupo socialista, cuxa deputada Noa Díaz cuestionou se a petición do PP de "aparcar a ideoloxía" para falar sobre violencia machista implica que combater esta problemática non entra dentro das ideas dos populares.

"O feminismo é ideoloxía e o terrible é que o neguemos porque isto é o caldo de cultivo dos discursos que banalizan, odian e que deberían preocupar nesta Cámara", sinalou, pola súa banda, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, que advertiu que "normalizar" as "mentiras e o ruído" sobre a violencia "sistémica" contra as mulleres leva á "polarización da sociedade até o extremo" e, ademais, supón o cuestionamiento dos dereitos humanos.

Antes, Noa Díaz remarcara que "ninguén presente" na Cámara galega durante o debate "pode negar que hai unha violencia que mata, só o machismo estrutural que existe na sociedade", o que a levou a sentenciar que os pactos de goberno asinados polo PP con Vox, nos que se expón "cambiar violencia machista por violencia intrafamiliar", significa "volver aos tempos dos divorcios duros, dos problemas de parella e doutras cousas que debían quedar na casa".

Comentarios