O PP veta que o galego sexa oficial no Senado

Os populares tomban unha proposta da formación catalá Junts.
Pleno do Senado. (Foto: Senado)
photo_camera Pleno do Senado. (Foto: Senado)

A maioría absoluta do PP no Senado rexeitou unha iniciativa de Junts per Catalunya na que se propuña reformar o regulamento da Cámara Alta para estender o uso do galego, euskera e catalán a toda a actividade parlamentaria, como xa ocorre no Congreso.  

Os de Alberto Núñez Feixoo fixeron valer os seus números na Cámara Alta e rexeitaron a toma en consideración desta reforma do regulamento para incorporar as linguas oficiais a todos os debates. A proposta pedía a "integración total" das linguas oficiais na actividade parlamentaria do Senado, incluídas as comisións, a presentación e publicación das iniciativas, así como os textos rexistrados por institucións e cidadanía.

Uso limitado

Na actualidade, o uso das linguas oficiais no Senado está limitado aos debates das mocións no pleno, a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas e a presentación dalgúns textos escritos. De feito, a mesa do Senado licitou recentemente un contrato para os servizos de tradución e interpretación das linguas oficiais.

A senadora do BNG, Carme da Silva, manifestou que considera "incomprensíbel" que a cámara de representación territorial "fique atrás" no uso das linguas oficiais, "que si poden empregarse no Congreso".

Comentarios