O PP veta acabar coa contención mecánica como método terapéutico

O BNG denuncia unha práctica "contra a dignidade"
Sesión da comisión de sanidade do Parlamento, esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Sesión da comisión de sanidade do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza)

A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG no Parlamento, Iria Carreira, reclamou onte, a través dunha proposición non de lei en comisión, "a erradicación das contencións mecánicas como método terapéutico e elaborar un informe cos datos, anónimos, das contencións mecánicas realizadas en centros dependentes do Sergas segundo os centros e unidades nos que tiveran lugar". Asemade, a nacionalista propuxo un plan galego para erradicar esta práctica e a adhesión ao Manifesto de Cartagena que propugna a súa eliminación.

A proposta defendida por Iria Carreira foi rexeitada polo PP, que alegou que os datos sobre as contencións mecánicas carecen de relevancia. A deputada nacionalista replicou á portavoz popular no debate, Encarnación Amigo, que "aínda que nos últimos anos se teñan feito certos avances no recoñecemento institucional da necesidade de erradicar as contencións, o certo é que as medidas implantadas son insuficientes para ter impacto real a nivel asistencial para garantir o respecto aos dereitos humanos". As contencións, explicou Carreira, poden ser farmacolóxicas ou físicas e estas últimas deixan as persoas inmobilizadas, "atadas a unha cama a través de correas". 

A día de hoxe, recalcou Carreira, non existe unha normativa específica para regular o uso das contencións mecánicas no Estado español nin na Galiza, mais existen recomendacións de organizacións supraestatais, así como outra lexislación que cómpre ter presente a este respecto.

O Comité de Ministros do Consello de Europa, na súa resolución 2291, resolveu : "pór fin á coerción en saúde mental: a necesidade dun enfoque baseado nos dereitos humanos" e insta os Estados membros a deseñar medidas para reducir radicalmente o recurso de medidas coercitivas.

O PSOE advirte de recortes na sanidade

Na mesma comisión, o portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado, acusou a Consellaría de Sanidade de usar os meses de verán como “oportunidade para facer recortes” na atención sanitaria.

Torrado responsabilizou o PP de negarse a garantir a cobertura sanitaria neste período logo de que rexeitara unha proposición non de Lei que pedía precisamente garantir a cobertura dos profesionais de vacacións en xullo e agosto. Lamentou as “argumentacións volátiles e tristes” ofrecidas polo conselleiro de Sanidade, que dicía que “as camas non se fechan”, obviando, sinalou Torrado, que “o que non hai é persoal para atendelas”.

Comentarios