O PP renuncia á transferencia da ordenación e xestión do litoral á Galiza

A oposición critica a falta de traspasos de competencias en 14 anos.
O deputado do BNG Luís Bará foi o encargado de defender onte a proposta de lei para a transferencia das competencias sobre o litoral (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG Luís Bará foi o encargado de defender onte a proposta de lei para a transferencia das competencias sobre o litoral (Foto: Nós Diario).

O PP vetou por segunda vez en seis meses a toma de consideración do Parlamento galego dunha proposición de lei do BNG para defender no Congreso español a transferencia á Galiza da ordenación e da xestión do litoral. O PSdeG, pola súa parte, abstívose.

No pleno que tivo lugar esta segunda feira, o deputado do BNG, Luís Bará, explicou que a lei proposta ten como obxectivo "vencer os obstáculos" na lei do litoral, aprobada o pasado mes de xullo -co voto a favor do PP e coa abstención da oposición- e que foi suspendida polo Tribunal Constitucional tras o recurso do Goberno do Estado español, coa promoción dunha "vía legal e constitucional".

Bará censurou que, coa lei do litoral, o PP "quería un conflito" e "conseguiuno" porque o Executivo estatal "picou o anzol", o que achacou a "intereses electoralistas" dos populares antes dos pasados comicios estatais.

Así, o nacionalista asegurou que o BNG está en contra do recurso do Goberno estatal, apostando pola negociación nunha comisión bilateral, mais lamentou que existisen "intencións ocultas" do PP, ao que "non lle interesaba o diálogo". "Están instalados na confrontación e a rifa", reprochou o deputado nacionalista. 

O representante do BNG remarcou que a lei do litoral xa era "papel mollado" antes de aceptar o Constitucional a admisión a trámite do recurso, posto que a Galiza non ten competencia sobre os medios de xestión do litoral. 

Sen novas transferencias

Bará reprobou que a Xunta da Galiza non conseguise ningunha transferencia desde 2009 e busque "desviar a atención" de "graves problemas" do sector marítimo-pesqueiro. "Entre 2011 e 2018 gobernaron no Estado e na Xunta e non pediron ningunha transferencia, non lles interesaba, tan só lles interesa agora por Ence", engadiu.

Pola súa parte, o popular Alberto Pazos Couñago sinalou que, igual que en xuño, o PP votou en contra desta admisión a trámite por ser unha lei "inxusta, innecesaria e ilegal". Ademais, afirmou que a Galiza "xa aprobou a súa lei de litoral e non necesita outra, necesita que se lle respecte".

O deputado do PP cualificou de "mofa" e de "burla intolerábel" a proposta nacionalista mentres Pedro Sánchez [o presidente do Goberno español] "está a negar" as competencias sobre o litoral por "puro sectarismo". Engadiu que para que haxa un traspaso dos medios sobre o litoral tan só fai falta "un folio" e "vontade política" cun real decreto como ocorreu noutras autonomías. "Basta un real decreto para conseguir o que o BNG propón, non fai falta unha lei", engadiu o popular.

Por parte do PSdeG, que se abstivo na votación, a deputada Patricia Otero recriminou ao PP que "non fixo ben as cousas" coa lei do litoral. "Facer as cousas ás présas é o que ten, que se comenten moitos erros", reprochou. Neste sentido, instou o PP a optar por "vías constitucionais" e a "volver ao sentidiño", propondo opcións para conseguir a transferencia como unha reforma do Estatuto para "clarificar" esta cuestión e avalala ao "100%" ou ben a través dunha comisión bilateral. 

Non obstante, a deputada socialista afirmou que o "único" que queren os populares é fomentar a "confrontación", e que "non teñen intención de que esa transferencia veña para a Galiza".

O Executivo confía nas súas alegacións ao recurso á lei do litoral

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, sinalou esta segunda feira que o Goberno galego traballa na preparación das alegacións fronte ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo estatal contra a lei galega do litoral, parte dela suspendida polo Tribunal Constitucional. "Imos gañar", afirmou.

Pola súa parte, a deputada do BNG Rosana Pérez expuxo, sobre as críticas da conselleira ao acordo do PSOE e o PNV para a cesión das competencias sobre o litoral, que ao contrario da Xunta, o Partido Nacionalista Vasco "quixo negociar desde o primeiro momento" e "sentar nunha mesa".

Ademais, a socialista Patricia Otero aclarou que Pedro Sánchez [presidente do Goberno estatal] "nunca dixo que non vai transferir esa competencia [á Galiza]".

O BNG solicita medidas ante a crise do sector marisqueiro

A deputada do BNG Rosana Pérez defendeu esta segunda feira no Parlamento unha proposta na que se emprazaba á Xunta da Galiza a realizar unha análise das causas de perda de produtividade das rías galegas. 

A iniciativa tamén requiría realizar un control de verteduras, un protocolo de desaugue dos encoros, a recuperación de bancos marisqueiros, a creación dun seguro público que garanta uns ingresos mínimos a produtores, así como atender economicamente a mariscadores e confrarías afectados pola actual crise. 

A deputada do PP Teresa Egerique defendeu a negativa do seu grupo a esta proposta xa que, segundo dixo, o Goberno galego "está a traballar" en diferentes medidas.

Comentarios